Alfonso Villares pon en valor os máis de 744.000 euros que a Xunta destina a mellorar infraestruturas municipais na provincia de Lugo

O delegado territorial visitou a parcela de Feira do Monte, en Cospeito, na que se construirá unha pista deportiva ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público deste ano

Cospeito (Lugo), 17 de agosto de 2026.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe xunto ao alcalde de Cospeito, Armando Castosa, a parcela de Feira de Monte na que se construirá unha pista deportiva ao abeiro da orde de axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Durante a visita, o delegado explicou que o Concello de Cospeito resultou beneficiario este ano dunha achega autonómica de 39.596 euros para a construción desta infraestrutura municipal destinada á práctica de tenis. Segundo explicou, a nova instalación permitirá “ampliar a oferta de lecer activo e saudable no municipio, dotándoo dun espazo para facer deporte non vinculado ás disciplinas máis tradicionais”.

A pista situarase nunha parcela localizada entre o parque empresarial e a zona verde periurbana que rodea a parte oeste  de Feira do Monte, onde xa hai xogos infantís e un parque biosaudable e está previsto iniciar tamén proximamente a construción dunha pista de pádel.

Durante a visita, o representante autonómico concretou que a través desta orde de axudas, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destina este ano máis de 744.000 euros a 21 concellos e unha agrupación da provincia de Lugo, co fin de impulsar 22 actuacións de mellora, rehabilitación e acondicionamento en diferentes espazos e equipamentos municipais.

Lembrou que esta iniciativa vai dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitar as achegas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.

A colaboración do Goberno galego financia ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.

Villares subliñou que con esta orde de axudas, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, “preténdese impulsar a calidade de vida dos veciños e veciñas do noso rural a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2026