A Xunta de Galicia destaca en Foz o apoio á actividade dos centros comerciais abertos a prol da dinamización socioeconómica do territorio
Foz (Lugo), 17 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe distintos comercios en Foz e asistiu á presentación das próximas campañas de dinamización comercial e dos cursos de formación para asociados impulsadas polo centro comercial aberto Acia-Foz co apoio da Xunta. Neste contexto, destacou as achegas autonómicas destinadas á actividade dos centros comerciais abertos, que na convocatoria deste ano repartiu máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia, entre elas o centro comercial aberto Acia-Foz. Deste xeito, o Goberno galego busca impulsar o consumo nos establecementos de proximidade e dinamizar as vilas e cidades galegas.
En concreto, Acia-Foz é unha das oito entidades beneficiarias destas achegas na provincia de Lugo cun valor total de axuda de máis de 376.000 euros. Tanto estas achegas como a formación para as persoas comerciantes para a súa capacitación profesional, enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que ten entre os seus obxectivos estratéxicos impulsar a mellora da competitividade para consolidar un sector comercial moderno, atractivo e de calidade.