A Xunta dá luz verde ambiental ao plan parcial para ordenar e resolver as conexións exteriores do Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, en Zas
O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos na zona de intervención
A ordenación afecta a unha superficie de 437.812 metros cadrados, dos cales 351.850 corresponden á delimitación do PXOM, 73.879 a zonas verdes e 5.613 ao sistema viario
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao plan parcial do Parque científico e tecnolóxico da Costa da Morte, no concello de Zas, que ten como obxecto establecer a ordenación detallada do sector e resolver as súas conexións exteriores.
O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución en cuestións relacionadas con abastecemento, saneamento, mobilidade ou ruídos asociados ao tráfico xerado.
Neste senso, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan parcial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibise ningunha.
Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e órgano substantivo, o Concello de Zas, xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e hoxe mesmo se fixo público mediante a publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O obxecto deste plan é ordenar os terreos e resolver as conexións exteriores do Parque científico e tecnolóxico da Costa da Morte, situado en Zas. Así, articúlase nunha superficie de 437.812 metros cadrados, dos que 351.850 m² corresponden ao sector de solo urbanizable industrial AR-Sector-I3 do PXOM, coñecido como Polígono Monte Vello, ao que se suman 73.879 m² de zonas verdes e 5.613 m² doutro de viario. O recinto sitúase ao noroeste do concello, entre a vila de Baio e o polígono industrial da Cebola de Abaixo.
Nesta liña, a ordenación proposta no informe articúlase cunha malla viaria xerarquizada, cun acceso principal desde a AC-404 mediante unha glorieta e unha nova conexión cara ao leste que enlaza co polígono industrial existente. Así, a proposta concentra zonas verdes en contacto co solo rústico, e unha parcela para equipamento e edificacións illadas dun máximo de dúas plantas e oito metros de altura, entre outras modificacións.