O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presenta o proxecto básico da obra

A Xunta prevé licitar este ano a ampliación do Colexio Quiroga Palacios se o Concello de Santiago elimina as trabas da parcela

Román Rodríguez sinala que a intervención vai beneficiar a toda a comunidade educativa do centro, cun investimento de máis de 1,3 M€

Lamenta que o Concello aínda non corrixira a posta a disposición dos terreos, dado que condiciona á Xunta a urbanizar máis de 14.000 m² de uso non docente, “unhas condicións imposibles e de clara chantaxe”

A obra consiste na construción dun novo edificio de máis de 775 m², deseñado en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica, con foro central e seis aulas de Infantil

Habilitarase un gran espazo exterior cuberto de máis de 200 m² que une entre si o novo volume co xa existente e xera novos espazos de lecer

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia prevé licitar este ano a ampliación do Colexio Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios se o Concello de Santiago de Compostela elimina as trabas vinculadas á posta a disposición da parcela de 1.600 m² solicitada para levar a cabo a obra. Así o explicou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que se presentou o proxecto básico e se detallou a situación actual, dado que desde a Consellería está todo o traballo feito para solicitar licenza en canto o Concello desbloquee a ampliación.

Tal e como sinalou o conselleiro, a Xunta quere dar tranquilidade e seguridade ás familias e á comunidade educativa do centro, facendo públicos os detalles dun proxecto ambicioso, “que vai beneficiar a Santiago e a toda a comunidade educativa do centro, creando  máis espazos tanto para Infantil como para Primaria, xerando novos espazos cubertos de lecer no colexio e que vai contar cun investimento total de máis de 1,3 M€”.

Segundo explicou Román Rodríguez, a Xunta leva traballando un ano nesta ampliación. “En setembro do ano pasado tivemos a primeira reunión co Concello ao respecto e, tras varios correos intercambiando información, o 23 de febreiro deste ano a Consellería solicitou a posta a disposición da parcela de 1.600 m² anexa para ampliar este centro”, dixo. “En maio deste ano, cando xa tiñamos en marcha o anteproxecto e encargado o proxecto básico, o Concello empezou a poñer trabas”, sinalou.

A este respecto, indicou que a posta a disposición de terreos que fixo o Concello o pasado 20 de xullo está condicionada a unha urbanización de viais, aparcamento e axardinamento, todo eles de titularidade municipal. “É dicir, a Xunta solicita unha parcela de 1.605 m² para ampliar o colexio e o Concello indicou que, para cedela, a Consellería ten que urbanizar un terreo de 14.000 m², case 9 veces superior ao solicitado”, dixo o conselleiro.

Cómpre sinalar que os labores de urbanización son acometidos de xeito habitual polos concellos e máis cando, como é o caso, se trata de parcelas que non están afectadas a un uso docente.

“A día de hoxe, seguimos agardando que o Concello corrixa esta situación”, lamentou o conselleiro, facendo fincapé na necesidade de que o Concello de Santiago poña a disposición os 1.605 m² da parcela necesaria para a ampliación, “libres de cargas, sen estas condicións imposibles que son unha clara chantaxe a costa da mellora educativa do alumnado”.

Novo edificio e espazos exteriores

O proxecto básico presentado hoxe contempla a construción dun novo edificio de 775,25 m² para acoller a todos os alumnos de Infantil. “Isto supón que no edificio actual vai quedar liberado espazo para aulas de Primaria, polo que a ampliación beneficia ás dúas etapas”, salientou Román Rodríguez.

O novo edificio, de planta baixa, vai estar totalmente deseñado en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica. Deste xeito, o novo volume artéllase arredor dun foro central de 155 m², o espazo de convivencia principal contemplado no devandito plan, que vertebra a disposición das aulas para facilitar a súa relación inmediata con este espazo polivalente.

Contará con seis aulas de Infantil que se abren tanto á fachada como ao foro, agrupadas de dúas en dúas, con baño intermedio compartido e separadas mediante un tabique móbil acústico multidireccional que permita, se é necesario, a súa agrupación para unha maior flexibilidade espacial, pero garantindo un correcto illamento acústico no momento no que ambos espazos estean separados. O edificio contará ademais con aseo adaptado, almacén, local de coidados, cuarto de limpeza e outros servizos habituais.

Proxéctase, ademais, un espazo exterior cuberto con vestíbulo, de 212 m², ao que se accede tanto desde o espazo de circulación do edificio como desde o exterior da rúa e o interior do recinto, enlazando o novo edificio coa edificación existente.

Seguindo os criterio de deseño fixados polo Plan de nova arquitectura pedagóxica, a construción realizarase con materiais de gran durabilidade e facilidade de mantemento. As aulas terán cuberta inclinada a unha auga e os volumes do foro, servizos e instalacións cuberta plana. Contarán con illamento térmico, así como con canlóns e baixantes exteriores para favorecer o seu mantemento.

As fachadas terán tamén sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE, mentres que as fiestras serán de aluminio con rotura de ponte térmica e apertura oscilobatentes, con vidros que illen tanto do sol como do frío e o ruído. Estarán dotadas de persianas de aluminio inxectado con caixón monoblock e funcionamento manual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2026