O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o almacén da Consellería na Estrada, no que se fixo unha mellora nas súas instalacións

Román Rodríguez destaca a dimensión loxística do sistema educativo galego, con máis de 30.000 unidades de equipamento enviadas aos centros no último ano

O centro loxístico é unha instalación que custodia o mobiliario, equipos didácticos, tecnolóxicos e deportivos que se distribúen entre colexios e institutos de toda Galicia

Está en licitación a compra de máis de 13.600 novas unidades de cadeiras, pupitres, taboleiros, recursos para FP, para educación especial e outro material por case 4,5 M€

A Estrada (Pontevedra), 18 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a dimensión loxística do sistema educativo galego, facendo fincapé no gran volume de equipamento que se distribúe cada ano entre os centros educativos públicos de Galicia para o seu funcionamento. Fíxoo nunha visita ao  almacén co que conta a Consellería no polígono de Toedo, na Estrada, “o corazón loxístico do sistema educativo galego, con máis de 6.000 m²”, que acaba de ser obxecto dunha reforma, dixo.  “Desde aquí se subministra aos centros educativos de toda Galicia diferentes equipamentos que usan no día a día, desde mesas encerados e pantallas, ata cociñas ou material deportivo, entre outros elementos moi importantes para desenvolver a actividade lectiva”, detallou.

O titular do departamento educativo da Xunta recordou que neste momento está en licitación a compra de máis equipamento para encher este almacén, unha vez que están xa rematadas as obras. “Estamos a falar dun investimento de case 4,5 M€ para mercar máis de 13.600 novas unidades de mobiliario, equipamento e recursos para alumnado con necesidades educativas especiais, coas que melloraremos a dotación de todo tipo de centros de ensino”, sinalou.

“O almacén está en funcionamento desde principios dos anos 90 e rexistra un enorme volume de movementos”, dixo o conselleiro. “Só no último ano se distribuíron 30.000 unidades de material por importe de máis de 6,6 M€”, detallou.

Entre outros elementos, distribuíronse máis de 7.600 cadeiras, máis de 9.000 pupitres e mesas de diferentes tipos, 404 encerados e 150 unidades de diferente material como equipos de robótica e programación, coleccións de rocas e minerais, globos terráqueos, modelos de sistema solar, kits de electrónica ou esqueletos. Neste momento o almacén ten en stock 12.986 elementos deste tipo.

“Esta loxística implica tamén a necesidade de contratar un servizo de almacenamento, xestión de expedicións e distribución con entrega en destino de todo este material”, explicou o conselleiro. Neste sentido, o contrato actual supón un investimento de máis de 1,2 M€ para dous anos e inclúe tanto a carga, descarga, custodia e conservación no almacén dos materiais como a súa expedición, envío, entrega e adecuada localización nos centros destinatarios.

Mellora do centro loxístico

No que atinxe ás obras realizadas no almacén, Román Rodríguez explicou que supuxeron un investimento de máis de 1,5 M€ e tiveron como obxectivo principal renovar a envolvente da nave. En concreto, mudáronse as cubertas e lucernarios dos cinco módulos situados ao norte do edificio, colocando unha nova cubrición de panel sándwich de chapa de aceiro e paneis traslúcidos de policarbonato celular.

Así mesmo, cambiáronse as fachadas de chapa lacada por outras de aceiro galvanizado e lacado e melloráronse as instalacións de protección contra incendios.

Nova compra de materiais por 4,5 M€

No referido aos novos materiais cuxa compra está en licitación, trátase de sete contratos, divididos en case 80 lotes. Para ensinanzas de FP destínanse 1,8 M€ á compra de 186 unidades de ferramentas como centros de mecanizado industrial verticais, máquinas universais de ensaios, escuadradoras de control electrónico de tres eixos para madeira, fresadoras CNC didácticas, tornos paralelos convencionais, adestradores de hidráulica, bancos de prácticas dobre pneumático e electropneumático, un sistema de aspiración de lascas de madeira ou unha cabina de vernizado para acabados de moble, entre outras. Este tipo de equipamento facilita que os alumnos traballen nos talleres dos seus centros con maquinaria moi similar á dos centros reais de traballo.

A adquisición de mobiliario supón arredor de 1,7 M€ para mercar case 12.000 unidades de pupitres, cadeiras, andeis, armarios, gradas móbiles, mesas de lectura e de comedor, percheiros, taboleiros e encerados, entre outros. O obxectivo é subministrar equipamento ás aulas, bibliotecas, salas de usos múltiples e zonas administrativas e de reunión dos centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria. Isto compleméntase con outros dous contratos, por importe de 171.000 e 177.000 €, respectivamente, para subministrar máis de 550 unidades de material didáctico e deportivo.

Así mesmo, está en licitación tamén un contrato por máis de 260.000€ para mercar 60 unidades de equipamento de cociña (fornos, lavalouzas, peladoras de patacas, tixolas...) e outro para adquirir 135 unidades de material de laboratorio, por case 140.000 € (microscopios, armarios de seguridade para os produtos, estufas bacteriolóxicas e de cultivo...).

Ademais, cun orzamento de case 195.000€, licitáronse 695 unidades de diverso material didáctico destinado ao alumnado con necesidades educativas especiais como equipos de motricidade fina e interior, material de apoio á Pedagoxía Terapéutica, material de desenvolvemento da linguaxe ou mesas de luz, entre outros.

Data de actualización: 18/08/2026