O delegado da Xunta en Ourense visitou esta mañá, acompañado do alcalde, as instalacións desta oficina dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Manuel Pardo louva o traballo do Polo de emprendemento de Baños de Molgas que prestou asesoramento a máis de 200 proxectos, dos que o 56% foron liderados por mulleres
O delegado da Xunta puxo en valor o papel clave que desempeña este servizo no apoio ás persoas autónomas e pequenas empresas, así como na dinamización do tecido económico da contorna
Tamén subliñou o esforzo financeiro do Goberno galego no apoio ao colectivo autónomo, e lembrou que a orde unificada de axudas para o colectivo teñen o prazo aberto ata o 30 de setembro
Na provincia de Ourense, a Rede de Polos conta con catro oficinas situadas en Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín, que en conxunto levan atendido arredor de 1.400 proxectos
Ourense, 18 de agosto, 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Manuel Ángel Fernández, as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Baños de Molgas, onde puxo en valor o papel clave que desempeña este servizo no apoio ás persoas autónomas e pequenas empresas, así como na dinamización do tecido económico da contorna.
Na provincia de Ourense, a Rede de polos conta con catro oficinas situadas en Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín, que ofrecen asesoramento gratuíto e acompañamento ás persoas emprendedoras máis de 1.400 proxectos asesorados na provincia—, tanto no caso de estar a valorar iniciar unha actividade como a aquelas que xa teñen un negocio en marcha e queren consolidalo.
O delegado da Xunta subliñou o esforzo financeiro do Goberno galego no apoio ao colectivo autónomo, ao que destina preto de 42 millóns de euros neste exercicio. A maior parte do orzamento concéntrase na orde única, con máis de 40,7 millóns de euros, que unifica cinco programas co obxectivo de axilizar a tramitación e dar resposta ás distintas fases do emprendemento, desde o inicio da actividade ata o reforzo da súa continuidade, entre as que se inclúe a promoción do emprego autónomo.
Explicou Manuel Pardo que esta orde de axudas, con prazo aberto ata o 30 de setembro de 2026, estrutúrase arredor de cinco grandes programas de axudas: a Promoción do Emprego Autónomo e a cota cero, orientada a apoiar o inicio da actividade e o mantemento do emprego; o Bono das Persoas Traballadoras Autónomas, centrado na consolidación de proxectos empresariais; o Bono Remuda, dirixido a facilitar o relevo xeracional e a transmisión de negocios; o Bono Nova Oportunidade, pensado para persoas que retoman a actividade por conta propia; e o programa de conciliación, que busca favorecer o equilibrio entre a vida laboral e familiar.
O Polo de Baños de Molgas
Posto en marcha en marzo de 2024, o Polo ofreceu asesoramento a máis de 200 iniciativas empresariais, e acompañou a creación de 16 entidades xurídicas. Un dos datos máis salientables é que o 56% das persoas atendidas son mulleres, consolidando o seu protagonismo no emprendemento galego.
A área de actuación do Polo Baños de Molgas abrangue xeograficamente as comarcas de Allariz-Maceda (concellos de Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Paderne, Allariz, Baños de Molgas, Maceda), Terra de Celanova (concellos de Cartelle, Celanova, Gomesende, Padrenda, Quintela de Leirado, Pontedeva, Ramirás, Verea, A Merca, A Bola), e Baixa Limia (Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños e Bande).