Estabilizado o incendio forestal do concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Nogueira
O lume, que se iniciou onte ás 17,39 horas, deuse por estabilizado ás 09,31 h. de hoxe e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Nogueira, está estabilizado desde as 09,31 horas de hoxe.
Este lume iniciouse ás 17,39 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 5 técnicos, 23 axentes, 32 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.