A Xunta impulsa en Sanxenxo novas fórmulas de comercialización da Artesanía de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta mañá ata a tenda efémera Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia, aberta ao público ata finais de mes
Xunto coas prendas da marca de roupa D-Due, na tenda pódense atopar pezas de 35 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, especializados en distintos oficios como a cerámica, o coiro, os complementos de moda ou a olería, entre outros
Sanxenxo (Pontevedra), 19 de agosto de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Sanxenxo a tenda efémera Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia, unha iniciativa que o Goberno galego impulsa por sexto ano consecutivo en colaboración coa marca de roupa D-Due para favorecer a comercialización e visibilidade do produto artesán galego.
A tenda, situada na rúa Madrid, 24, poderá visitarse ata finais de agosto, de luns a sábado, en horario de 10,45 a 14,30 h. e de 16,00 a 22,00 h., e os domingos só en horario de mañá. A iniciativa permite reunir as coleccións de D-Due cunha selección de pezas artesanais galegas, poñendo en contacto a creación contemporánea coa tradición e cos oficios artesáns propios de Galicia.
Este ano participan 35 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, con pezas de cerámica, coiro, cerería, complementos de moda, cestería, tecido artesanal, figuras de miga de pan, produtos elaborados con técnicas das redeiras, madeira, colareiras, encaixe, encadernación, xoiería e olería tradicional de Buño, Gundivós e Niñodaguia.
A colaboración entre a Fundación Artesanía de Galicia e D-Due mantense desde hai varios anos. Desde 2021, a marca organiza en Sanxenxo esta Summer Shop, que durante os meses de xullo e agosto ofrece tanto as súas coleccións de moda como unha selección de pezas de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. En 2025, a colaboración estendeuse tamén a Madrid, cunha tenda efémera no Hotel Santo Mauro na que participaron oito obradoiros artesanais.