A Xunta comproba o avance das obras de humanización da praza de Santa María en Ferreira do Valadouro, xa na metade da súa execución
O delegado territorial e a directora xeral de Urbanismo visitaron o espazo e lembraron que a intervención se enmarca no Plan Hurbe
O Valadouro (Lugo), 19 de agosto de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, comprobaron hoxe o avance das obras de humanización que se están a executar na praza de Santa María en Ferreira, no concello do Valadouro, e que acadaron xa o 50% da súa execución. Na visita acompañounos o alcalde do municipio, José Manuel Lamela.
Os representantes autonómicos explicaron que se está a traballar nunha superficie de 1.141 metros cadrados, na zona este da praza de Santa María. A intervención contempla a renovación do pavimento para diferenciar as zonas destinadas ao tráfico rodado e ao uso peonil, a eliminación de desniveis e a disposición de novas beirarrúas.
O proxecto complétase coa instalación de liñas de alumeado público e mobiliario urbano, con bancos, papeleiras e xardineiras circulares, que se poderán mover en caso de ocuparse a praza con algún mercado ou actuación. Inclúese tamén a substitución da varanda existente e a limpeza do cruceiro.
Segundo a previsión actual, a pavimentación estará rematada a comezos do vindeiro setembro para, xa ao longo do mesmo mes, realizar os últimos traballos, relacionados fundamentalmente coa instalación do alumeado e do distinto mobiliario urbano.
A humanización da praza de Santa María foi adxudicada por preto de 187.000 euros e enmárcase nun convenio de colaboración asinado co Concello do Valadouro ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora de contorna urbanas, accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas. Baixo este acordo, a Administración autonómica asume o 70% do orzamento desta intervención -máis de 130.000 euros- e o Concello achega o 30% restante.
Villares destacou “o bo ritmo” ao que avanzan os traballos e destacou que esta actuación permitirá “mellorar e poñer en valor un espazo central de Ferreira, facéndoo máis accesible, cómodo e seguro para a veciñanza”. Nesta liña, puxo en valor a colaboración entre a Xunta e os concellos para impulsar actuacións que melloran os espazos públicos e contribúen a revitalizar os núcleos urbanos e rurais.