A Xunta financia un proxecto para dixitalizar todo o ciclo produtivo do viño e mellorar a eficiencia a través dun xemelgo dixital dunha adega

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP financia o 60% da iniciativa Vitecgal, liderada pola Cooperativa Vitivinícola Arousana (Adega Paco&Lola), mediante o programa Nexos

Neste proxecto tamén participan Inelsa Electricidad S.L., Alia Technologies S.L., centros de investigación galegos e colaboradores franceses e portugueses

Román Rodríguez asegurou que se trata dun exemplo da calidade e do nivel da nosa I+G+I, “que contribúe á transformación dixital do sector vitivinícola galego”

Meaño (Pontevedra), 19 de agosto de 2026

A Xunta financia a través do programa Nexos un proxecto de I+D+i para dixitalizar a trazabilidade do viño, creando unha contorna tecnolóxica avanzada que abranga todo o ciclo produtivo, desde o cultivo da uva ata a chegada do viño ao consumidor. Esta iniciativa tamén inclúe a mellora da eficiencia mediante un xemelgo dixital dunha adega.

O custo total deste proxecto, que pretende modernizar e optimizar a toma de decisións no sector vitivinícola, supera os 750.000€, dos que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP achega o 60%. O conselleiro, Román Rodríguez, destacou na visita á Cooperativa Vitivinícola Arousana (Adega Paco&Lola), que lidera o proxecto Vitecgal, que se trata dun exemplo da calidade e do nivel da nosa I+G+i, “que está contribuíndo á transformación dixital do sector vitivinícola galego”.

Neste obxectivo conxunto de transformación dixital e trazabilidade integral do viño participan empresas galegas e doutros países, así como investigadores e centros tecnolóxicos. Xunto coa Cooperativa Vitivinícola Arousana, pertencente á denominación de orixe Rías Baixas, os principais socios son Alia Technologies S.L., compañía de Ourense especializada en solución dixitais e sistemas de xestión avanzada; e Inelsa Electricidad S.L., firma de Sanxenxo que achega a súa experiencia en sensorización e eficiencia enerxética.

O conselleiro de Ciencia, acompañado na súa visita polo alcalde de Meaño, Carlos Viéitez; e o presidente da Cooperativa Vitivinícola Arousana, Carlos Carrión; ademais de responsables de I+D+i desta iniciativa, resaltou a capacidade do ecosistema de I+G+i de desenvolver proxectos punteiros que traerán resultados para optimizar o sector vitivinícola galego e que serán modelos “exportables” a outras comunidades ou países.

Román Rodríguez destacou, ademais, que o programa Nexos da Xunta é idóneo para que “empresas, centros tecnolóxicos e universidades traballen conxuntamente para sacar adiante iniciativas coma esta, que poñen de manifesto o potencial da innovación feita en Galicia”. “Con este programa apoiamos o talento, a capacidade innovadora e o liderado das empresas galegas de primeiro nivel, recoñecendo o seu papel como verdadeiro motor do desenvolvemento económico e da cohesión social”.

Calidade, sostibilidade e competitividade

O proxecto Vitecgal desenvolverá unha plataforma integral para a optimización de todo o ciclo vitivinícola (do viñedo ao consumidor) baseada na fabricación intelixente, na tecnoloxía avanzada, na análise e na toma de decisions baseada en datos, na intelixencia artificial e na eficiencia enerxética. “Con todos estes ingredientes, este proxecto permitirá que mellore a calidade, a sostibilidade e a competitividade do viño galego”, expresou Román Rodríguez.

A trazabilidade é un requisito administrativo, pero tamén un activo comercial. Saber exactamente de que parcela procede cada partida, en que condicións se vendimou e como evolucionou na adega permite garantir a calidade e responder con axilidade ante calquera incidencia, ademais de contar a historia do viño con datos.

A monitorización do viñedo, mellorando o coñecemento en tempo real do estado das vides, permitirá optimizar os tratamentos fitosanitarios, aumentando así o rendemento da colleita. A trazabilidade dixital garantirá a autenticidade do proceso e a inclusión dun xemelgo dixital da adega, así como a realización de auditorías de eficiencia enerxética, traduciranse en aforros de consumo, redución da pegada de carbono e unha maior facilidade para cumprir con certificacións internacionais.

Colaboradores portugueses e franceses

Os colabores de Vitecgal son DataColab, empresa portuguesa con experiencia en Internet das cousas (IoT), trazabilidade e análise avanzada de datos; IDIMPA 29 S.L., con ampla traxectoria en xestión tecnolóxica e de negocio; Grupo MODES CITIC-UDC, referente en intelixencia artificial, algoritmia estatística e modelos preditivos; KentYou, empresa francesa especializada no desenvolvemento de xemelgos dixitais e Diego Arias Mourelle, profesional tecnolóxico vinculado á sanidade, á saúde pública e á seguridade alimentaria. 

O programa Nexos da Xunta de Galicia, que conta con fondos europeos, está dotado con 22,6 M€ para o período 2026-2028 e apoia o desenvolvemento de 37 proxectos nos que participan 138 empresas en ámbitos estratéxicos para Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2026