O comisario do Xacobeo 2027 e a directora xeral de Xuventude participaron na presentación da terceira edición do festival
Lingua Urbana achega a Santiago de Compostela os sons máis actuais co impulso da Xunta de Galicia
O festival, especialmente dirixido ao público mozo, celebrarase o vindeiro 28 de agosto na Cidade da Cultura no marco da programación dos Concertos do Xacobeo
Young Beef, Dirty Suc, Abhir, Arce, 9Louro ou Lg1do forman parte dun cartel que combina referentes da escena urbana e talento galego
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026.
A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela volverá converterse o próximo 28 de agosto nun punto de encontro para os novos sons urbanos coa celebración da terceira edición de Lingua Urbana, unha cita que se consolida dentro da programación dos Concertos do Xacobeo.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron na presentación do festival. Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román destacou que “Lingua Urbana exemplifica a capacidade dos Concertos do Xacobeo para incorporar novas linguaxes musicais e conectar con públicos diversos, especialmente coa mocidade”. Neste sentido, salientou que “a programación musical tamén é unha ferramenta para dinamizar as cidades e atraer visitantes, ofrecendo novas razóns para descubrir Santiago a través da música”.
O representante da Xunta puxo tamén en valor a evolución da proposta e sinalou que iniciativas como Lingua Urbana “contribúen a ampliar e diversificar a oferta musical de Galicia, dando espazo a artistas e estilos que forman parte das novas formas de consumo e creación musical”. A cita intégrase así nunha programación dos Concertos do Xacobeo que este ano suma 80 eventos e festivais na provincia da Coruña, 22 deles na propia cidade de Santiago, reforzando a capacidade da música en directo para dinamizar cultural e turisticamente o territorio.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, considerou un “orgullo” configurar un festival “cunha carteleira cun número tan significativo de artistas galegos emerxentes, que empregando a nosa lingua contan con milleiros de seguidores”. Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a contribución destes certames para dar a coñecer o “talento e a creatividade da mocidade galega, e no noso idioma, que suma e dá aínda máis prestixio a esa Galicia Calidade da que tanto se fala dentro e fóra da nosa Comunidade”.
Un cartel de referentes e talento galego
A terceira edición de Lingua Urbana contará con Yung Beef e Dirty Suc, dous dos nomes máis recoñecidos da escena urbana, aos que se suma Abhir, que ofrecerá en Santiago a súa única actuación en Galicia durante 2026.
A presenza galega terá un peso destacado no cartel coa participación de Arce, artista compostelán e unha das figuras de referencia da actual, xunto con 9Louro, Lg1do, Sote, Carlos Barral e Valesk8, que achegarán diferentes estilos e perspectivas á programación.
A combinación de artistas consolidados, novos proxectos e creadores vinculados á escena galega permite configurar unha proposta especialmente conectada coas novas xeracións e coas tendencias actuais da música urbana, ao tempo que dá visibilidade ao talento que se está a desenvolver no país.
Unha proposta con capacidade de convocatoria
A capacidade de convocatoria de Lingua Urbana quedou xa demostrada este ano coa celebración, o pasado mes de marzo, da súa segunda edición en Vigo, que reuniu preto de 4.000 asistentes no IFEVI. Esta resposta confirma o interese que espertan os novos sons urbanos entre o público galego e permite afrontar a cita de Santiago cunha expectativa positiva de participación.
Con esta terceira edición, Lingua Urbana afianza a súa presenza no calendario musical galego e a súa aposta por unha escena en constante evolución. A cita contribúe tamén a manter activa a programación cultural de Santiago durante o tramo final do verán, favorecendo a actividade vinculada ao ocio e ao turismo nunha das cidades galegas con maior capacidade de atracción de visitantes.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán os Concertos do Xacobeo neste 2026. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único do programa, que continúa con 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.