A Xunta licita por un importe de 150.000€ as obras para humanizar a praza Pedro Fernández, no Concello de San Xoán de Río

Trátase de revitalizar este espazo para acadar un lugar de encontro para a veciñanza, pois nesta contorna atópanse o centro de saúde, a Casa do Concello, establecementos de hostalaría ou unha área deportiva

Esta actuación forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de setembro

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de licitar a execución das obras de humanización da Praza Pedro Fernández, no concello de San Xoán de Río, por un importe de 150.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de setembro

A intervención ten como obxectivos a revitalización desta praza e homoxeneizar o núcleo de San Xoán de Río a través da conexión física e visual dos puntos estratéxicos do municipio, permitindo unha maior cohesión e dotando á veciñanza dun espazo de calidade.

A praza forma parte do centro neurálxico do municipio ourensán, xa que na súa contorna atópanse establecementos de hostalaría, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello.

Este contrato enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de San Xoán de Río, que  achegará o 30% restante.

Estas actuacións desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, que dá apoio aos municipios para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade  e de equipamentos públicos, contribuíndo á cohesión territorial e a reforzar a calidade de vida da veciñanza.

Data de actualización: 20/08/2026