A Xunta lembra que as persoas autónomas poden solicitar ata o 30 de setembro as achegas que cobren todas as fases da súa actividade emprendedora
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron esta semana o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa
Destacan que a orde dotada con 40,7 M€ inclúe cinco programas que apoian todas as fases do emprendemento, con achegas ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade
Salientan o papel da Rede de polos de emprendemento na atención e acompañamento ás persoas emprendedoras, que conta con tres oficinas na provincia de Pontevedra, entre elas a de Vilanova de Arousa, que leva atendidos arredor de 450 proxectos
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 20 de agosto de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron esta semana o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa e mantiveron un encontro co seu equipo técnico. Alí puxeron de relevo o apoio do Goberno galego ao ecosistema emprendedor e ao traballo autónomo. Neste contexto, lembraron que as persoas autónomas poden solicitar ata o 30 de setembro as achegas que cobren todas as fases da súa actividade.
Trátase de cinco liñas de axudas que abarca a orde dotada con 40,7 M€ —cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027— e coa que se prevé beneficiar arredor de 8.700 persoas deste colectivo.
Entre estes cinco programas está o de promoción do emprego autónomo, dotado con 28,9 M€ e que, como novidade na convocatoria deste ano, amplía a dous anos da cobertura da cota cero para aquelas persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, gandaría ou silvicultura.
A estes programas súmanse o Bono Autónomo, con 8 M€ de orzamento e que apoia investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos, así como o Bono Remuda conta cun orzamento de 1,5 M€, que supón unha suba dun 20% en relación coa convocatoria anterior. Con el a Xunta ofrece apoios tanto a quen asume a remuda como a quen traspasa o negocio por xubilación.
Bono Nova Oportunidade e apoios á conciliación
Este paquete inclúe tamén o Bono Nova Oportunidade, dirixido a favorecer o retorno ao autoemprego e que conta cun orzamento de 1,5 M de euros. Neste caso, o importe da axuda é de 7.500 euros, que pode incrementarse con 500 euros máis se a beneficiaria é unha muller.
Outra liña está dirixida a apoiar a conciliación das persoas autónomas co fin de facilitar o desenvolvemento do seu labor profesional. En concreto, conta con 750.000 € e tres posibilidades: apoio á contratación dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade —ou por risco polo embarazo ou a lactancia—, a contratación dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes ou para financiar servizos de coidado para persoas ao cargo do autónomo.
A Rede de polos de emprendemento
No marco da visita —na que tamén estivo o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán— Susana Pérez Iglesias e Marta Mariño coincidiron con alumnado do Obradoiro Dual de Emprego Mar de Santiago V, no que están a adquirir formación teórica e práctica nas especialidades de cociña, servizos de bar e cafetería e servizos de restaurante e entre os que hai persoas interesadas en emprender o seu propio negocio.
Neste contexto, puxeron en valor o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego dentro do compromiso autonómico co ecosistema emprendedor. Esta ferramenta será o fío condutor da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia na que traballa o Goberno galego xunto con todos os axentes implicados.
Esta Rede de polos conta cun total de 15 oficinas repartidas por toda Galicia. Dentro dela, os Polos de emprendemento da provincia de Pontevedra —O Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa— levan atendidos máis de 2.000 proxectos. Deles, arredor de 450 corresponden ao centro de Vilanova —inaugurado en novembro de 2024— consolidando así a súa contribución ao desenvolvemento económico e á creación de oportunidades de emprego no territorio.