A Xunta mantén aberto o prazo da convocatoria Industria Dual 2026 para que o sector desenvolva en Galicia produtos, servizos e sistemas tecnolóxicos de aplicación civil e de seguridade, defensa e aeroespazo
As empresas interesadas teñen ata o próximo 4 de setembro para presentarse a esta liña de apoios, no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), que está dotada cun orzamento de 6 M€
A intensidade da axuda pode ser do 15 % para as grandes empresas, do 25 % para as medianas e do 35 % para as pequenas empresas
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026.
A Xunta de Galicia mantén aberto, ata o próximo 4 de setembro, o prazo para a presentación de proxectos da primeira convocatoria de axudas para impulsar o desenvolvemento de produtos, servizos e sistemas tecnolóxicos de uso dual (civil e militar) destinados aos ámbitos da seguridade, a defensa e o aeroespazo.
O programa Industria Dual, promovido pola Xunta de Galicia no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), conta cun orzamento de seis millóns de euros, cofinanciado pola Unión Europea dentro do programa Galicia Feder 2021-2027.
As axudas, publicadas no DOG do 28 de maio e que están abertas desde o pasado 4 de xuño, foron convocadas en concorrencia competitiva e están dirixidas a grandes, medianas e pequenas empresas de ámbito industrial que conten con centro de traballo propio en Galicia. A convocatoria outorga prioridade aos proxectos promovidos por empresas de sectores estratéxicos e con alto potencial de diversificación como a automoción, a metalmecánica, o naval, a loxística, o téxtil, as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), o aeroespacial e a construción.
Os conceptos subvencionables abranguen desde a compra de maquinaria ou bens de equipo, as obras de reforma e rehabilitación de naves ou espazos produtivos, o desenvolvemento de programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware), así como outros investimentos en activos fixos.
En todos os casos, os tipos de proxecto aos que se dirixen estas axudas son os de creación dun novo establecemento e o inicio dunha nova actividade industrial, ou a diversificación da produción a outros bens ou servizos. No caso das pemes, tamén se orientan á ampliación da capacidade dun establecemento existente ou a transformación fundamental do proceso de produción.
A intensidade da axuda pode ser do 15 % para as grandes empresas, do 25 % para as medianas e do 35 % para as pequenas empresas, sendo a axuda máxima de 1 millón de euros por empresa e proxecto. As empresas beneficiarias achegarán unha contribución financeira dun mínimo do 25 % dos custes subvencionables, cos seus propios recursos ou mediante financiamento externo sen recorrer a axudas públicas.