Celebrarase 22 e 23 de agosto no Monte do Gozo
A Xunta apoia o torneo 3X3 Go! Go! Zo! como exemplo do potencial do turismo deportivo en Galicia
O comisario do Xacobeo 2027 participou na presentación da terceira edición deste torneo de baloncesto 3x3, no que participarán preto de 300 participantes
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou hoxe na presentación do Torneo 3×3 Go! Go! Zo!, que celebrará a súa terceira edición os días 22 e 23 de agosto no Complexo Monte do Gozo de Santiago de Compostela.
O evento, organizado polo Festival Go! Go! Zo! coa colaboración deportiva da Federación Galega de Baloncesto, conta co patrocinio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027.
Segundo destacou o comisario do Xacobeo 2027, “o Monte do Gozo representa un dos lugares máis simbólicos do Camiño de Santiago. Ao desenvolverse aquí o torneo, os valores da competición deportiva alíñanse cos valores xacobeos, como a convivencia, o esforzo compartido e a apertura a novas experiencias”.
Neste sentido, Marcos Gómez Román lembrou que, no que vai de ano, 357.993 persoas as que recolleron a Compostela, un 6% máis que en 2025. Ademais, destacou a importancia da diversificación, con itinerarios como o Portugués o a súa variante pola Costa que representan arredor dun 20% do total cada un, e a consolidación na internacionalización, con seis de cada catro visitantes de orixe estranxeiro.
O comisario do Xacobeo 2027 afondou tamén no papel deste tipo de iniciativas, que “amosan como o deporte se converteu nunha ferramenta máis para poñer en valor os nosos destinos e para achegar Galicia a distintos públicos”.
Na súa terceira edición, o Torneo 3×3 Go! Go! Zo! está aberto a equipos masculinos, femininos e mixtos de todas as idades e sen necesidade de licenza federada. A competición prevé reunir preto dun centenar de equipos e arredor de 300 participantes durante as súas dúas xornadas.