A Xunta publica o primeiro libro sobre ‘As Covas de Valdeorras’ que divulga o patrimonio e o enoturismo como valores da comarca

Xosé Merelles destacou o traballo de Carina Rodríguez e Cristina de la Torre á hora de afondar no valor arquitectónico e histórico das covas e ao reforzar o vínculo entre patrimonio e enogastronomía como recursos turísticos

A Rúa (Ourense), 20 de agosto de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu hoxe á presentación do libro ‘As covas de Valdeorras. Unha viaxe subterránea pola arquitectura e a cultura do viño’, escrito por Carina Rodríguez e Cristina de la Torre. Trátase da primeira publicación en afondar nestes elementos tan singulares do patrimonio vitivinícola da comarca.

Esta obra, promovida pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo documentar e divulgar os recursos patrimoniais e enogastronómicos que singularizan o territorio galego. Durante o acto de presentación, o director de Turismo de Galicia sinalou que “as covas de Valdeorras son moito máis que espazos vinculados á elaboración e conservación do viño, xa que forman parte da historia, da paisaxe e da memoria colectiva da comarca”. Neste sentido, incidiu en que “coñecer e divulgar o patrimonio de Valdeorras permítenos tamén ofrecer novas formas de descubrir Galicia e enriquecer a experiencia turística”.

Na presentación desta publicación achegouse ás covas desde varias perspectivas, comezando co análise do seu proceso de documentación ata facer mención das características xeolóxicas e arquitectónicas das covas, da súa historia e das súas tradicións.

Ademais, contou coa participación de coveiros e coveiras, encargados de dar voz, coa súa lectura de fragmentos do libro, a relatos sobre estes espazos. Xosé Merelles puxo en valor o traballo realizado polas autoras, Carina Rodríguez e Cristina de la Torre, así como a implicación destes profesionais. Neste sentido, destacou das autoras a súa “dedicación e aposta por manter viva esta tradición” e tamén subliñou o papel fundamental dos coveiros e coveiras ao preservar “unha parte esencial da identidade de Valdeorras”.

A cultura do viño convértese así nun elemento de conexión entre patrimonio, territorio e identidade, ámbitos que contribúen a diversificar e enriquecer a oferta turística do destino. “Desde Turismo de Galicia cremos que a nosa comunidade ten unha oportunidade extraordinaria para seguir medrando a partir do que nos fai únicos”, afirmou Xosé Merelles. “Publicacións como esta axúdannos a descubrir e compartir o noso patrimonio menos coñecido e transformalo nun recurso para coñecer mellor o territorio, sempre desde o respecto pola súa conservación”.

A posta en valor destes recursos prodúcese nun contexto de evolución positiva da actividade turística na provincia de Ourense. Neste 2026, achegáronse máis de 163.000 viaxeiros, un 6,9% máis que no mesmo período do ano pasado. Ademais, o mercado internacional suma xa máis de 30.000 viaxeiros, cun crecemento de case o 20% en comparación ao 2025. Estes datos reforzan a importancia de continuar diversificando a oferta e de impulsar recursos capaces de atraer visitantes ao longo de todo o territorio.

Data de actualización: 20/08/2026