A Xunta inviste preto de 150.000 euros na mellora do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo Cotobade
O delegado territorial visitou as instalacións para coñecer de primeira man o funcionamento deste espazo e as melloras realizadas
A actuación permitiu construír unha nova edificación de dúas plantas e preto de 125 metros cadrados e acondicionar os espazos exteriores do centro
Cerdedo Cotobade (Pontevedra), 20 de agosto de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou visitou o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade xunto ao seu alcalde, Jorge Cubela, para coñecer de primeira man o funcionamento destas instalacións e comprobar o resultado das obras de mellora executadas pola Xunta, cun investimento próximo aos 150.000 euros.
A actuación permitiu construír unha nova edificación de dúas plantas e preto de 125 metros cadrados, dando resposta ás necesidades trasladadas polo persoal funcionario que desenvolve o seu labor neste centro e mellorando as condicións das instalacións para o desenvolvemento das súas funcións.
Ademais, a actuación incluiu o acondicionamento dos espazos exteriores do centro, coa creación dun camiño pavimentado que comunica a zona de estacionamento co acceso ao módulo de recuperación, facilitando así os desprazamentos e mellorando a accesibilidade e funcionalidade do recinto.
Durante a visita, o delegado territorial puxo en valor o importante labor que se desenvolve no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, destinado á atención e recuperación de animais silvestres que precisan asistencia, e destacou a importancia de contar con instalacións adecuadas para garantir o correcto desenvolvemento deste traballo.
Fernández salientou o compromiso da Xunta coa conservación do patrimonio natural galego e asegurou que "investir nestes centros é investir tamén na protección da nosa biodiversidade e en ofrecer aos profesionais que traballan neles as mellores condicións posibles para desenvolver o seu labor". Neste sentido, destacou a necesidade de continuar mellorando os espazos e equipamentos destinados á recuperación e conservación da fauna silvestre de Galicia.