A Xunta destina 50.000 euros a colaborar con intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia estas actuacións en monumentos, conxuntos históricos ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados
A achega do Goberno galego non poderán exceder en ningún caso a metade do importe do proxecto, que deberá estar autorizado desde 2021 e finalizado na data da publicación da axuda no Diario Oficial de Galicia
O prazo para solicitudes ábrese o 29 de agosto e remata o 30 de setembro de 2026
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026.
A Xunta destina 50.000 euros a colaborar no financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por persoas ou entidades promotoras particulares en monumentos, conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados. Así se recolle na orde publicada no Diario Oficial de Galicia, onde se establece que o prazo de solicitudes, a través da sede electrónica da Administración Autonómica, abrirase o 29 de agosto e rematará o 30 setembro.
Este apoio do Goberno galego irá destinado a aqueles casos nos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude determine a necesidade de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico, que debe ser realizado de acordo cos requisitos establecidos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Entre os requisitos para acceder a estas axudas atópanse que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas desde o ano 2021 en diante e estean finalizadas na data de publicación da orde. De igual xeito, as actuacións debéronse ter desenvolvidas conforme aos proxectos arqueolóxicos presentados, ao tempo que deben cumprir as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
A colaboración da Xunta consistirán nunha partida económica que se percibirá unha soa vez por persoa ou entidade promotora particular e obra. En canto ás achegas, poderán cubrir como máximo o 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co límite de 20.000 euros, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.
Ademais, no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias, a porcentaxe de axuda será do 30 %, co límite de 12.000 euros e do 20 % dos custos, cun límite de 8.000 euros, cando se teña entregado o informe valorativo.