A Xunta subliña o elevado interese das pemes polas axudas á transformación dixital do Igape con preto de 400 solicitudes rexistradas

A convocatoria pechou o prazo de presentación cunha elevada participación, confirmando a aposta das empresas galegas pola dixitalización como panca de competitividade

O programa apoia proxectos de automatización de procesos, sistemas de xestión, ciberseguridade, loxística, solucións ASG e canles dixitais de relación con terceiros

Desde 2018, a iniciativa permitiu apoiar 1.421 proxectos, con 28,55 millóns de euros en axudas que mobilizaron máis de 70 millóns en investimentos

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026.

A Xunta de Galicia vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas á transformación dixital das pemes, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, cunha elevada resposta do tecido empresarial galego: rexistráronse 399 solicitudes, un 196 % máis que na edición anterior que houbo 203 peticións. O interese amosado confirma, un ano máis, a aposta das empresas pola transformación dixital como un factor clave para mellorar a súa competitividade, produtividade e capacidade de adaptación aos novos retos do mercado. Agora haberá que agardar á resolución para coñecer cantas resultan finalmente concedidas.

A convocatoria, dotada con tres millóns de euros, permite apoiar proxectos orientados á implantación e posta en produción de solucións dixitais que melloren os procesos internos das empresas, as súas relacións comerciais e operativas con terceiros e a súa interconexión dixital na cadea de valor. Deste xeito, a Xunta continúa acompañando ao tecido produtivo galego na incorporación de tecnoloxías que favorecen a modernización e o crecemento empresarial.

Entre as actuacións subvencionables inclúense proxectos de dixitalización e automatización de procesos, implantación de sistemas integrais de xestión, desenvolvemento de interfaces e canles dixitais de relación con clientes e provedores, mellora da función loxística, actuacións de ciberseguridade e solucións tecnolóxicas orientadas á medición e seguimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG). A convocatoria incorporou, ademais, actuacións específicas vinculadas ás solucións en nube e en modalidade SaaS, adaptándose así aos novos retos tecnolóxicos das pemes galegas.

A elevada demanda rexistrada pon de manifesto que esta liña responde ás necesidades reais das empresas e consolídase como un dos principais instrumentos da Xunta para acelerar a transformación dixital e a modernización do tecido produtivo galego. A través desta iniciativa, a Consellería de Economía e Industria reforza o apoio a proxectos con implantación efectiva e resultados verificables, orientados a incrementar a eficiencia, a innovación e a competitividade das pemes.

O programa conta cunha ampla traxectoria desde a súa posta en marcha en 2018. Neste período apoiáronse 1.421 proxectos promovidos por autónomos e pemes galegas, cun volume de 28,55 millóns de euros en axudas que permitiu mobilizar máis de 70 millóns de euros en investimentos, consolidándose como unha ferramenta de referencia para impulsar a dixitalización empresarial en Galicia.

Con esta convocatoria, a Xunta continúa avanzando na súa estratexia de reforzar a competitividade do tecido empresarial galego mediante a innovación e a transformación dixital, contribuíndo a que as pemes incorporen tecnoloxías avanzadas que lles permitan afrontar con maiores garantías os desafíos da economía actual e aproveitar novas oportunidades de crecemento.

Data de actualización: 21/08/2026