Medio Rural desenvolve un sistema piloto de valado virtual para mellorar a xestión do gando e a prevención dos incendios forestais
A conselleira María José Gómez presentou hoxe en Muíños esta iniciativa, enmarcada no convenio asinado entre a Xunta e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias
Trátase de fomentar a roza natural que realiza o gando en extensivo cun dispositivo para monitorización e posición GPS do gando vacún, limitando a súa zona de pasto e así poder manter limpas de matogueira as franxas próximas ás vivendas
Muíños (Ourense), 21 de agosto de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentou hoxe en Muíños o proxecto piloto da Xunta de valado virtual do gando vacún para a prevención de incendios forestais. Neste acto, estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e polo director-xerente de Seaga, Martín Martínez.
A iniciativa enmárcase, segundo explicou a conselleira, no convenio de colaboración subscrito entre o Goberno galego e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias. O seu principal obxectivo é fomentar a roza natural que realiza o gando vacún en extensivo cun dispositivo para monitorización e posición GPS dos animais, limitando a súa zona de pasto e así poder manter limpas de matogueira as franxas próximas ás vivendas.
Neste contexto, Gómez agradeceu a todas as partes implicadas no proxecto a súa contribución, empezando polos gandeiros e continuando polo Concello e a empresa Innogando, que ademais de Seaga e a Dirección Xeral de Defensa do Monte cooperaron para a súa posta en marcha, e salientou que “na tarefa vital da prevención é imprescindible que esteamos todos involucrados”.
Asemade, a titular de Medio Rural salientou que os colares virtuais do gando están fabricados en Galicia e que esta tecnoloxía constitúe unha ferramenta “moi útil” para a xestión do gando, a mellora da calidade de vida dos gandeiros e para a prevención do lume. E expresou o seu desexo de que este proxecto piloto que nace en Muíños se poida estender a outros lugares de Galicia.
Vantaxes do sistema
Entre as vantaxes do sistema, a conselleira enumerou a posibilidade de localizar e enviar a posición GPS de cada animal en intervalos de 10 minutos, todos eles visibles desde a aplicación móbil que manexe o gandeiro, así como a capacidade de monitorizar as 24 horas do día o comportamento do gando e as súas rutinas, proporcionando información moi útil para anticiparse a enfermidades ou detectar, por exemplo, os celos das reses. Outra utilidade do proxecto é a de impedir, de xeito automático, que os animais saian dun recinto concreto, previamente delimitado polo gandeiro na súa app.
Así mesmo, cómpre indicar outras bondades do sistema, que veñen dadas pola súa autonomía solar, sendo totalmente independente de cargadores eléctricos e eficiente desde o punto de vista enerxético, e tamén a súa autonomía de funcionamento, xa que conta cunha rede propia de cobertura.