A conselleira do Medio Rural visitou a bodega Gargalo no inicio dos labores da colleita

María José Gómez destaca a calidade dos viños de Monterrei e as boas perspectivas da vendima

Lembra que os dez distintivos vitícolas galegos representan, cuns 379 millóns de euros, máis da metade do valor económico que xera en conxunto a calidade diferenciada da nosa comunidade

Salienta os avances rexistrados nos últimos tempos na apertura de novos mercados por parte desta denominación de orixe, así como o labor de promoción que desenvolve o seu Consello Regulador, que trouxo consigo un incremento das vendas

Pola súa banda, o empresario Roberto Verino, propietario da adega, reivindicou o carácter “pioneiro” destes viños e “o seu papel decisivo na configuración actual da Denominación de Orixe Monterrei”

Verín (Ourense), 20 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que a vendima deste ano na Denominación de Orixe (DO) Monterrei “agárdase abondosa e de gran calidade”. Foi na súa visita á bodega Gargalo, na que estivo acompañada polo seu propietario, o empresario téxtil e vitícola Roberto Verino, así como polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

A conselleira cualificou estas perspectivas favorables como “unha boa nova para un dos sectores máis dinámicos e valorados do noso rural”, como é o do viño. Neste sentido, Gómez lembrou que os dez distintivos vitícolas galegos, as cinco denominacións de orixe -entre elas, Monterrei- e as cinco indicacións xeográficas protexidas, representan máis da metade do valor económico que xera en conxunto a calidade diferenciada da nosa comunidade, con algo máis de 379 millóns de euros.

Asemade, a titular de Medio Rural subliñou os avances rexistrados nos últimos tempos na apertura de novos mercados por parte desta denominación de orixe, así como o labor de promoción que vén desenvolvendo o seu Consello Regulador, que trouxo consigo un incremento das vendas.

Apoio da Xunta ao sector

Neste contexto, Gómez reafirmou o apoio da Xunta ao sector do viño, algo que se pon de manifesto cun paquete anual de axudas duns 12 millóns de euros para diferentes liñas, como son a reestruturación e reconversión de viñedo, a promoción do produto galego en mercados de terceiros países ou o financiamento de investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. A maiores, a conselleira sinalou que se presta colaboración, de xeito transversal, aos consellos reguladores, tendo en conta que o seu traballo é fundamental para conservar a cultura vitivinícola e facela medrar.

“É evidente que o viño galego é economía, paisaxe, cultura e turismo”, concluíu Gómez, para quen “todo isto elévase á súa máxima expresión nestas terras de Monterrei e en enclaves como esta emblemática adega Gargalo”.

Carácter pioneiro da adega

Precisamente, o dono das instalacións, o deseñador Roberto Verino, reivindicou tamén o carácter “pioneiro” destes viños e “o seu papel decisivo na configuración actual da DO Monterrei”. Afondando nesta liña, Verino destacou que “nos primeiros anos 90, Gargalo foi a adega pioneira na nova viticultura de Monterrei:  xunto coas explotacións tradicionais existentes desde mediados do século XX, como a Cooperativa de Monterrei e as adegas Bernabé e Ladairo, Gargalo foi copartícipe en impulsar  a creación da actual denominación de orixe”.

Ademais, o coñecido empresario expresou a intención de converter a súa adega  “nun escaparate de Monterrei” que explique os seus viños ao mundo. Así, quixo poñer de relevo que “verdades que hoxe parecen universais, como o potencial único no idioma internacional do viño do godello ou do merenzao, tivemos que explicalas unha e mil veces para que se impuxera a cultura da calidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2026