A Xunta destina 100.000 euros á mellora de espazos públicos en Rábade
Alfonso Villares visitou os traballos de renovación da sinalización viaria no casco urbano que se executan ao abeiro da nova liña de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais
Rábade (Lugo), 21 de agosto de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe xunto á alcaldesa de Rábade, Remedios González, o avance dos traballos de renovación e mellora da sinalización viaria que se están a executar no centro da localidade.
Esta actuación enmárcase nun proxecto máis amplo de mellora de espazos públicos no municipio, financiado pola Consellería do Medio Rural cunha achega de 100.000 euros ao abeiro da nova liña de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais.
Os primeiros traballos que se están a realizar céntranse na mellora da sinalización, tanto vertical como horizontal, nas rúas do casco urbano de Rábade, dando continuidade ao proceso de reordenación do tráfico que o Concello iniciou o ano pasado na contorna do campo da feira.
Nas próximas semanas comezarán tamén os traballos de mellora do Centro de Interpretación da Casa das Ínsuas e a reforma da antiga Praza de Abastos, que completan o proxecto apoiado polo Goberno galego.
O delegado territorial puxo en valor a nova liña de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como “unha ferramenta coa que seguimos apoiando os concellos para desenvolver proxectos que melloran os seus espazos e servizos e que teñen unha incidencia directa no día a día da veciñanza”.
A convocatoria de 2026 conta cun orzamento de 5 millóns de euros e permitiu apoiar un total de 53 concellos galegos, 18 deles na provincia de Lugo.