A Xunta destaca a traxectoria da Feira de Stock do Carballiño e a boa acollida deste tipo de iniciativas de dinamización do comercio de promixidade nas vilas

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á Feira de Stock, impulsada por Carballiño Centro Comercial Aberto co apoio da Xunta e que se celebra desde hoxe ata o 23 de agosto, incluído

Carballiño Centro Comercial Aberto é unha das seis entidades beneficiarias na provincia de Ourense da convocatoria deste ano de achegas autonómicas á actividade destas entidades a prol da mellora da competitividade deste sector

O Carballiño (Ourense), 21 de agosto de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á Feira de Stock, impulsada por Carballiño Centro Comercial Aberto co apoio da Xunta e que se celebra desde hoxe ata o 23 de agosto, incluído. Alí destacou o valor de citas coma esta, na que participan 15 comercios asociados ao Carballiño Centro Comercial Aberto, no pulo ás vendas do comercio local e á dinamización socioeconómica das vilas galegas.

Neste caso, a Feira de Stock do Carballiño inclúe accións como o sorteo de vales de compra de 50€ e conta con máis de 15 anos de traxectoria. Os establecementos participantes son de moda, zapatería, fogar, decoración e xoguetería, entre outros.

Neste contexto, Gabriel Alén puxo en valor as achegas autonómicas destinadas á actividade dos centros comerciais abertos, que na convocatoria deste ano repartiu máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia, entre elas Carballiño Centro Comercial Aberto. Deste xeito, o Goberno galego busca impulsar o consumo nos establecementos de proximidade e dinamizar as vilas e cidades galegas.

En concreto, Carballiño Centro Comercial Aberto é unha das seis entidades beneficiarias destas achegas na provincia de Ourense cun valor total de axuda de arredor de 263.000 euros. Estes apoios enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que ten entre os seus obxectivos estratéxicos impulsar a mellora da competitividade para consolidar un sector comercial moderno, atractivo e de calidade.

Data de actualización: 21/08/2026