A Xunta reforza a Oficina Virtual de Emprego con novas funcionalidades de autoxestión que permiten resolver máis trámites de xeito áxil e autónomo

O Goberno galego amplía os servizos dixitais dispoñibles, aumentando as opcións para actualizar en liña o perfil profesional e permitindo seguir en tempo real as solicitudes presentadas, así como tramitar a participación nos programas integrados de emprego

Increméntase así o abano de opcións telemáticas para a cidadanía, tras rexistrarse 380.000 renovacións da demanda por esta vía desde 2025, mantendo plenamente garantida a atención presencial e outras canles como os novos caixeiros autoservizo

A iniciativa enmárcase no investimento de 8 M€ destinado en 2026 á modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, que inclúe tamén a consolidación da ferramenta de perfilado competencial EMi, que xa leva feitos 114.000 perfilados

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2026

A Xunta continúa avanzando na renovación do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) co obxectivo de ofrecer unha atención máis accesible, autónoma e áxil ás persoas demandantes de emprego. Neste marco, véñense de incorporar novas funcionalidades de autoxestión á Oficina Virtual da Persoa Demandante de Emprego, entre as que destacan a ampliación das opcións para actualizar en liña o perfil profesional, o seguimento en tempo real das solicitudes presentadas ou a posibilidade de tramitar a participación nos programas integrados de emprego, dos que vén de publicarse unha nova edición dotada con 11 M€.

Estas melloras permiten realizar por vía telemática un número crecente de trámites mediante un proceso guiado e estruturado, dispoñible as 24 horas do día os sete días da semana, con plena seguridade e validez xurídica. A evolución do uso destas canles confirma a súa consolidación: as renovacións dixitais da demanda pasaron de representar o 33 % en 2019 a superar o 90 % na actualidade. Desde xaneiro de 2025 rexistráronse preto de 380.000 renovacións da demanda por esta vía e máis de 250.000 emisións do documento de alta e renovación da demanda de emprego (Darde).

Estas novas funcionalidades amplían as opcións de atención á cidadanía e complementan a atención presencial, que continúa plenamente garantida en calquera das 54 oficinas de emprego galegas, independentemente do domicilio da persoa interesada. Tamén se suman a outras canles como á aplicación móbil Mobem ou á recente incorporación de novos caixeiros autoservizo nas oficinas do SPEG. Ao mesmo tempo, contribúen a reducir a carga administrativa das oficinas e a reforzar o labor do persoal técnico, intensificando a orientación laboral personalizada co foco na mellora da empregabilidade e na conexión co tecido empresarial.

Novidades da Oficina Virtual

As novas funcionalidades incorporadas á Oficina Virtual, que se engaden ás xa dispoñibles —como a renovación da demanda de emprego, a súa recuperación en caso de baixa ou o acceso aos servizos de orientación laboral— permiten actualizar con maior facilidade o perfil profesional. As persoas demandantes poderán solicitar a incorporación ou eliminación de ocupacións, formación oficial e experiencia profesional, ademais de engadir información relativa a permisos, carnés e coñecementos. Tamén se habilita un novo espazo para consultar en todo momento o estado das solicitudes presentadas e mellórase a área da demanda de emprego coa incorporación da previsualización e descarga do Darde.

Así mesmo, créase un formulario de contacto directo coa oficina de emprego para realizar consultas, comunicar incidencias ou solicitar información de forma segura, ao efectuarse a comunicación desde unha sesión autenticada que permite identificar plenamente a persoa usuaria. A Oficina Virtual incorpora tamén unha nova sección para presentar as solicitudes de participación nos programas integrados de emprego impulsados pola Xunta, simplificando o procedemento de inscrición e favorecendo a tramitación electrónica. As actuacións complétanse coa actualización de contidos e a reorganización dos trámites para mellorar a usabilidade e facer a navegación máis intuitiva.

Este avance forma parte do proceso de modernización do SPEG, ao que a Xunta destina 8 M€ en 2026. O plan inclúe tamén a renovación das oficinas de emprego e a consolidación da ferramenta EMi, que suma xa máis de 114.000 perfilados competenciais para casar con maior eficiencia a oferta e a demanda laboral.

Data de actualización: 23/08/2026