A Xunta pon de relevo na Coruña os programas destinados a impulsar a inserción laboral das persoas con discapacidade e en risco de exclusión

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou a Asociación de colaboración e promoción das persoas xordas (Acopros), que vén sendo beneficiaria do programa autonómico de emprego con apoio

Lembrou que a convocatoria deste 2026 permanece aberta ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible de 450.000 euros

Aproveitou para sinalar que hoxe mesmo remata o prazo de solicitude das axudas destinadas ao fomento do emprego a través de programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, cun orzamento superior aos 9,4 M€

A Coruña, 24 de agosto de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou hoxe a Asociación de colaboración e promoción das persoas xordas (Acopros), que vén sendo beneficiaria do programa destinado a financiar a contratación de persoal preparador que preste apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa ordinaria. Alí, lembrou que a convocatoria deste 2026 permanece aberta ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible de 450.000 euros.

A secretaria xeral salientou que este ano se prevé chegar a uns 35 preparadores e preparadoras laborais, para apoiar a integración laboral de 80 persoas con discapacidade e en situación ou risco de exclusión. Poden beneficiarse das achegas asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar as empresas e as persoas traballadoras autónomas.

Estas axudas terán un incremento do 25% acumulables entre si se a empresa radica nun concello rural, ou as persoas preparadoras laborais que se van contratar son maiores de 45 anos, mulleres, persoas trans ou emigrantes retornadas ou estranxeiras. O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por persoa preparadora.

Cómpre engadir que o ano pasado se beneficiaron deste programa 35 preparadores e preparadoras laborais, que apoiaron 82 persoas con discapacidade e en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa ordinaria.

Programas de cooperación

A secretaria xeral aproveitou a visita para sinalar que hoxe mesmo remata o prazo de solicitude doutras axudas das que vén sendo beneficiaria Acopros, en concreto, as destinadas ao fomento do emprego a través de programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro. Cun orzamento superior aos 9,4 M€ —case un 7 % de incremento con respecto á convocatoria pasada—, prevese apoiar a contratación de case 400 persoas en máis de 200 entidades.

En concreto, a convocatoria busca favorecer a contratación nestas entidades —durante 9 meses a tempo completo ou 12 meses a tempo parcial— de persoas desempregadas e proporcionarlles unha experiencia profesional que facilite a súa inserción laboral. Así, a orde combina creación de emprego, formación práctica e prestación de servizos de interese público, xerando un impacto directo na sociedade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026