A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o inicio dos traballos
A Xunta inicia a primeira parte das obras de mellora da rede de saneamento e depuración no rural de Ferrol cun investimento de máis de 5,7 M€
Ángeles Vázquez salienta que a actuación dará servizo directo a máis de 1.350 persoas e executará infraestruturas necesarias para continuar nas seguintes fases coa conexión doutras zonas do rural de Ferrol á rede xeral de saneamento
Pon en valor que practicamente o 100% da poboación urbana de Ferrol está conectada aos sistemas de saneamento e depuración existentes na cidade e que agora se avanza para que as áreas rurais tamén teñan acceso ao sistema xeral
As intervencións, que son financiadas nun 70% pola Xunta mentres que o Goberno local aporta o 30% restante, permitirán ampliar a rede de colectores en preto de 13,5 quilómetros, instalar os pozos de rexistro asociados e executar sete bombeos e impulsións que suman máis de 4 quilómetros de tubaxes
Ferrol, 24 de agosto de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o inicio dos traballos da primeira fase das obras de mellora da rede de saneamento e depuración na zona rural de Ferrol, que dará servizo directo a máis de 1.350 persoas no ámbito de Doniños-Valón e A Cabana e permitirá avanzar na futura incorporación doutras zonas do rural, como San Xurxo, Esmelle, Covas e A Graña-Brión.
Segundo dixo a conselleira, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e do alcalde da localidade, José Manuel Rey, esta actuación suporá un investimento de máis de 5,7 millóns de euros, dos que a Xunta aporta o 70% mentres que o Goberno local achega o 30% restante.
Trátase da primeira parte dun proxecto máis amplo, deseñado en varias fases, que ten o obxectivo de conectar o rural de Ferrol coa rede de saneamento municipal e que beneficiará a máis de 4.420 habitantes.
Nese senso, logo de salientar que na actualidade practicamente o 100% da poboación urbana de Ferrol está conectada aos sistemas de saneamento e depuración existentes na cidade, a conselleira indicou que as obras na zona rural buscan que, no menor tempo posible, o conxunto da poboación ferrolá conte cuns servizos eficaces e sostibles que, ao mesmo tempo, contribúan a mellorar a situación medioambiental da contorna.
Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que os traballos iniciados hoxe, que contan con cofinanciamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, inclúen a execución de 13,5 quilómetros de novos colectores para completar a rede de saneamento de Doniños-Valón/A Cabana, xunto cos pozos de rexistro asociados.
A maiores están proxectados sete bombeos e impulsións -con máis de catro quilómetros de tubaxes de distintos diámetros- co fin de superar os desniveis topográficos existentes na área na que se van realizar as actuacións. O proxecto tamén inclúe a reposición de todos os firmes e pavimentos que se vexan afectados durante a execución das obras.
Deste xeito, a Xunta avanza na optimización dos sistemas de saneamento e depuración de auga no concello de Ferrol, onde Augas de Galicia leva investidos máis de 30 millóns de euros en distintas infraestruturas postas en marcha desde 2009, accións que contribuíron a mellorar a situación medioambiental na contorna, a calidade das augas da ría ferrolá e a calidade de vida do conxunto da cidadanía.
Colaboración cos concellos
Esta actuación enmárcase na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos -que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración- para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a veciñanza.
O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e traída, así como no apoio aos concellos a través de distintas liñas de axudas, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes e de zonas de inundación controlada para facer fronte aos asolagamentos.