O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde, Telmo Martín, dan os detalles das intervencións previstas a medio e longo prazo

Xunta e Concello de Sanxenxo presentan o Plan director para acometer unha reforma completa do Colexio A Florida nos vindeiros anos

A intervención desenvolverase en tres fases e arranca este mesmo ano coa contratación da redacción do proxecto básico da primeira delas

O investimento da primeira fase será de 2,72 M€, dos que a Xunta achega 2,2 M€

O conselleiro agradece o compromiso do goberno municipal coa educación, colaborando en obras máis aló dos seus deberes

A primeira das actuacións consistirá na reubicación da pista cuberta, na mellora da accesibilidade e na creación de novos accesos

Nas outras dúas acometerase a rehabilitación integral, ampliación, reformas interiores e adecuación de espazos exteriores

Sanxenxo (Pontevedra), 24 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan director co que a Xunta, en colaboración co Concello de Sanxenxo, vai acometer nos vindeiros anos unha reforma completa do Colexio Plurilingüe A Florida.

Nun acto no que tamén participou o alcalde, Telmo Martín, o titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou que se trata dunha intervención a medio e longo prazo, que se desenvolverá en tres fases, e que arranca este mesmo ano coa contratación da redacción do proxecto básico da fase 1.

Román Rodríguez agradeceu ao Concello de Sanxenxo o seu compromiso coa educación, patente na colaboración nesta intervención. “Este goberno municipal non só asume e executa as súas competencias e deberes no mantemento e conservación dos centros, senón que tamén se ofrece a cooperar neste tipo de intervencións, de maior envergadura, en prol da mellora do día a día da comunidade educativa”, destacou.

Así mesmo, puxo en valor o traballo realizado polo Concello na rehabilitación do antigo colexio O Cruceiro para convertelo no novo Centro Socioeducativo As Lagoas, onde se impartirán ensinanzas de FP da familia profesional de Hostalaría e turismo e que contará tamén cun centro social para persoas maiores e unha biblioteca.

Máis luz natural para as aulas

A primeira das fases da obra, que se prevé comezar no ano 2027, consistirá na reubicación da pista cuberta, na mellora da accesibilidade e na creación de novos accesos. A principal actuación desta fase será a execución dunha nova pista cuberta na explanada exterior, deixando libre o espazo que ocupa na actualidade. Isto vai redundar en máis luz natural para as aulas, ás que agora lles fai sombra este espazo, así como en máis ventilación. No lugar no que agora está o espazo deportivo crearase unha nova explanada de acceso ao recinto escolar. O investimento da primeira fase será de 2,72M€, dos que a Xunta achegará 2,2M€ e o Concello 525.000€.

Coa achega do Concello, amplíanse os terreos do colexio, polo que se fai necesario realizar un novo peche perimetral, mellorando así mesmo os accesos e incorporando unha zona cuberta para a entrada a pé e unha parada de autobuses. A maiores, nesta fase mellorarase a accesibilidade do colexio, que conta con diferentes edificios con desnivel entre si. Para iso realizarase un itinerario peonil mediante ramplas. Ao longo do percorrido xeraranse novos espazos de descanso e lecer nunha contorna natural.

Rehabilitación e ampliación

A segunda fase centrarase na rehabilitación enerxética do centro, con intervencións como o cambio de caldeiras, o illamento térmico das fachadas e a renovación das luminarias. Tamén se ampliará o edificio de Primaria para crear máis aulas e mellorarase a súa accesibilidade interna.

Finalmente, a terceira fase incluirá reformas no interior do centro, como o cambio de pavimento e falsos teitos, así como a reorganización de espazos. Tamén se construirá un novo volume para espazo de usos múltiples e adecuaranse os espazos exteriores, entre outras melloras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026