O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación da undécima edición do festival

Vilablues consolida Vilanova de Arousa como referente da música negra co apoio dos Concertos do Xacobeo

O festival celebrarase os días 28 e 29 de agosto cunha programación gratuíta que levará o blues, o soul, o gospel e o rock ás rúas e prazas do municipio pontevedrés

Feelgood, The Cinelli Brothers, The New Orleans Gospel Choir, Rockin' Gina and the Sentinels, Martha High & Julian Maeso Organ Sextet ou Ruxe Ruxe forman parte dun cartel que combina referentes internacionais, nomes da escena estatal e talento galego

Pontevedra, 24 de agosto de 2026

O Vilablues celebra esta semana a súa undécima edición consolidado como unha das grandes citas da música negra en Galicia. Os días 28 e 29 de agosto, a Praza do Castro e o pavillón Multiusos de Vilanova de Arousa acollerán unha programación que reunirá artistas e formacións de referencia internacional, estatal e galega nunha proposta de acceso totalmente gratuíto. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, o programa impulsado por Turismo de Galicia para reforzar a música en directo como atractivo cultural e turístico e favorecer a súa distribución por todo o territorio.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou que “Vilablues é un exemplo moi claro do que queremos que representen os Concertos do Xacobeo: unha programación musical de calidade, diversa e singular que chega a todos os recunchos de Galicia e que contribúe a descubrir e poñer en valor o territorio a través da cultura”.

Neste sentido, puxo en valor a identidade propia do festival, vinculada ao blues e ás diferentes expresións da música negra, así como a súa capacidade para reunir en Vilanova de Arousa “artistas internacionais de primeiro nivel, grandes nomes da escena estatal e tamén talento galego”. Para Gómez Román, esta combinación de “calidade, personalidade e proximidade” constitúe unha das fortalezas do mapa musical galego.

O representante da Xunta salientou tamén a importancia de que unha localidade como Vilanova de Arousa se converta durante dous días nun punto de encontro para os amantes do blues, o soul, o gospel e o rock, demostrando “o enorme potencial que ten Galicia para acoller propostas culturais de referencia máis alá dos grandes núcleos urbanos”. Neste sentido, sinalou a descentralización como unha das claves dos Concertos do Xacobeo e do Xacobeo 2027 e destacou a plena sintonía do Vilablues con esta filosofía.

Música nas rúas de Vilanova

Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa.

O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock, xunto con The Cinelli Brothers, The New Orleans Gospel Choir, Rockin' Gina and the Sentinels, Best Boy, Martha High & Julian Maeso Organ Sextet e Ruxe Ruxe, entre outras propostas. A programación combina así diferentes expresións da música negra con artistas de distintas procedencias e xeracións, mantendo a personalidade propia dun festival especializado e singular.

Música e territorio

Marcos Gómez Román destacou o potencial turístico do festival e a súa capacidade para contribuír a diversificar os motivos polos que os visitantes escollen Galicia. “A música é cada vez máis un factor de viaxe, e un festival cunha identidade tan marcada pode converterse nunha porta de entrada para descubrir Vilanova, a ría de Arousa e todo o territorio das Rías Baixas”, afirmou. Neste sentido, subliñou que o Xacobeo 2027 busca que “a música sexa tamén un camiño para coñecer Galicia”, de maneira que quen se achegue á comunidade por un concerto poida descubrir tamén a súa paisaxe, gastronomía, patrimonio e forma de vida.

O comisario puxo ademais en valor a presenza no cartel de formacións internacionais como Dr. Feelgood, The Cinelli Brothers ou The New Orleans Gospel Choir, xunto a figuras como Martha High e o proxecto de Julián Maeso e artistas galegos como Ruxe Ruxe.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 185 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia. No caso da provincia de Pontevedra, os Concertos do Xacobeo contan este ano con 51 eventos confirmados.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026