A conselleira María José Gómez visitou hoxe actuacións no concello de Ortigueira

Medio Rural destina máis de 2,2 M€ a traballos de prevención de incendios forestais na provincia da Coruña

Dentro do convenio con Seaga para a xestión da biomasa, fixéronse labores por 455.000 € en arredor de 180 quilómetros de vías de titularidade municipal e noutras accións preventivas directas no territorio provincial a Consellería investiu 1,8 M€

Os traballos en Ortigueira supuxeron un desembolso de 200.000 euros, sumando os tratamentos preventivos, as intervencións con investimento directo de Medio Rural, os fondos do convenio con Seaga e novas pistas

Cando remate o ano, no eido da prevención teranse realizado traballos por parte da Xunta en case 34.000 hectáreas en toda Galicia, un 70 % máis que no 2025

Ortigueira (A Coruña), 25 de agosto de 2026

O investimento realizado pola Consellería do Medio Rural en materia de prevención de incendios forestais na provincia da Coruña supera este ano os 2,2 millóns de euros. Así o destacou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita a actuacións preventivas que se están levando a cabo no concello de Ortigueira, na parroquia de Espasante, e na que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, polo director-xerente de Seaga, Martín Martínez, e polo alcalde da localidade, Valentín Calvín.

Así, por un lado, ao abeiro do convenio de xestión da biomasa asinado entre a Xunta e Seaga desenvolvéronse actuacións en vías de titularidade municipal nunha superficie aproximada de 180 quilómetros no territorio provincial e executáronse traballos de mellora de pistas forestais e limpeza de cortalumes mediante o emprego de maquinaria. Este labor supuxo unha achega aproximada de 455.000 euros.

Por outra parte, as accións preventivas directas realizadas pola propia Consellería, tales como a creación de áreas cortalume, faixas auxiliares de pista ou tratamentos silvícolas, supuxeron un desembolso aproximado doutros 1,8 millóns de euros na provincia, con obras executadas ou en fase de execución durante este ano.

No que atinxe a Ortigueira en particular, actualmente lévanse a cabo actuacións de reparación e mellora de infraestruturas forestais mediante maquinaria pesada, como motoniveladora, pala mixta e bulldozer. Ata o de agora, estas intervencións abranguen uns 26 quilómetros de pistas e está previsto continuar executando melloras nas próximas datas, tal e como avanzou a conselleira. En total, o investimento preventivo en Ortigueira aproxímase aos 200.000 euros, contabilizando tratamentos preventivos, traballos con investimento directo da Consellería, os fondos do convenio con Seaga e novas pistas.

Precisamente este último aspecto, a apertura de novas pistas, foi destacado pola conselleira, xa que segundo explicou “é moi importante telos abertos, tanto para a veciñanza como para os servizos de Defensa do Monte se fora preciso”.

Ademais, Gómez felicitou ao alcalde de Ortigueira por ser “proactivo” á hora de desenvolver as posibilidades que ofrece o convenio con Seaga. Así, a conselleira advertiu que “non só se trata de adherirse ao convenio, senón que tamén hai que propoñer os traballos a realizar”, sinalando as zonas prioritarias de actuación.

Accións preventivas no conxunto de Galicia

Todo isto forma parte dunha programación máis ampla, que chega a toda Galicia. Desta forma, cabe salientar que a Xunta aprobou este ano o maior orzamento da historia para a prevención e defensa contra os incendios forestais, con máis de 213 millóns de euros, un 18 % máis ca o ano anterior.

En materia preventiva, especificamente, reforzouse a colaboración cos propietarios e cos concellos para facilitar a xestión da biomasa preto das vivendas. Así, o convenio subscrito por este motivo con Seaga en decembro de 2025 está dotado con 25 millóns de euros, o dobre que no acordo anterior, e cóntase con 299 municipios adheridos.

Deste xeito, cando remate o ano no eido da prevención teranse realizado traballos por parte da Xunta en case 34.000 hectáreas en toda Galicia, un 70 % máis que no 2025. Trátase, dixo Gómez, dun labor “constante, que se fai todo o ano” co fin de xestionar a biomasa e diminuír a cantidade de combustible no monte, así como tamén para facilitar o acceso dos medios de extinción en caso de incendio.

E engadiu que o compromiso do Goberno galego coa prevención e defensa contra os incendios “é claro e tanxible”. “Seguiremos traballando nesta dirección, conscientes de que este é un labor de todos, tanto das administracións públicas como da cidadanía en xeral”, remarcou finalmente a conselleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2026