A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou no Concello de Sobrado a resolución desta orde de axudas

A Xunta pon en valor o compromiso de Sobrado coa xestión de residuos ao ser o concello coruñés de menos de 5.000 habitantes que máis axudas recibe neste eido

Ángeles Vázquez explica que o Goberno galego destina preto de 80.000 euros á mellora do punto limpo desta localidade para adaptalo ás necesidades actuais 

Salienta a importancia da colaboración entre administracións para que as entidades locais poidan afrontar investimentos e avanzar cara un modelo de economía circular, apoiando a modernización das infraestruturas de xestión de residuos  

Lembra que se trata dunha liña de axudas de máis de 5 millóns de euros para financiar 170 actuacións de 83 administracións locais para contribuír ao cumprimento da normativa estatal e europea nesta materia

Sobrado (A Coruña), 25 de agosto de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, pon en valor o compromiso do concello de Sobrado coa mellora na xestión de residuos e o avance cara a un modelo máis sostible e de economía circular no rural ao tratarse do municipio coruñés de menos de 5.000 habitantes que máis axudas recibe neste eido. 

En concreto, segundo explicou Ángeles Vázquez durante a visita que fixo hoxe a Sobrado, o Goberno galego destina preto de 80.000 euros á mellora do punto limpo municipal para adaptalo ás necesidades actuais de xestión de residuos. Así, a actuación permitirá modernizar a instalación, mellorando a recollida separada, a clasificación e a xestión dos residuos especiais, facilitando un mellor servizo á veciñanza e contribuíndo a incrementar a reciclaxe e a reutilización. 

Neste senso, a conselleira destacou o esforzo continuo deste concello por reforzar a súa rede municipal nesta materia, dando continuidade ao apoio recibido por parte da Xunta nos últimos anos para actuacións relacionadas coa recollida separada de biorresiduos, a compostaxe e a implantación de puntos limpos móbiles. 

Así, Ángeles Vázquez salientou a importancia da colaboración entre administracións para que os concellos poidan afrontar investimentos que, pola súa dimensión e capacidade económica, poden resultar máis difíciles de asumir con recursos propios. Ademais, puxo como exemplo a aposta continua da Consellería por unha Galicia máis limpa, máis sostible e mellor preparada para avanzar cara a un modelo de economía circular, apoiando a modernización das infraestruturas municipais de xestión dos residuos e implicando á cidadanía a colaborar na correcta separación e xestión da materia. 

Este apoio ao Concello de Sobrado, entre os tres concellos galegos máis pequenos e o de menor poboación que maior dotación recibe, evidencia o compromiso do Executivo galego cos pequenos concellos, garantindo que a modernización dos servizos ambientais chegue tamén aos municipios do rural e aos territorios con menor poboación. 

A maiores, Ángeles Vázquez lembrou que  esta é unha liña de axudas a través da que se concederon máis de 5 millóns de euros e que permitirá financiar 170 actuacións de 83 administracións locais. Así mesmo, recordou que só desde o ano 2018 o Goberno galego destinou preto de 40 millóns de euros a centos de iniciativas municipais dirixidas a mellorar a xestión de residuos, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, fomentar a reutilización e reforzar a recollida separada, en liña coa normativa estatal e europea. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2026