A Xunta mellora a climatización da escola infantil pública autonómica de Forcarei

A actuación tamén inclúe o pintado integral do centro, o tratamento de pavimentos e a renovación de carpinterías e mobiliario

Forcarei (Pontevedra), 24 de agosto do 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil unitaria de Forcarei en compañía da alcaldesa do concello, Belén Cachafeiro. Alí comprobou o avance das obras de mellora que se executan este verán neste centro, que forma parte da rede pública autonómica.

Perfecto Rodríguez explicou que os traballos que se están a levar a cabo na escola e que estarán concluídos para o inicio do curso escolar, o día 7 de setembro, darán solución a problemas de temperatura e mellorarán os acabados interiores e exteriores do inmoble. O ente autonómico financia con máis de 10.500 euros estas obras que se encargou de contratar o Concello.

En concreto, a intervención consistiu na instalación dun sistema de climatización para aumentar o confort do persoal e do alumnado; no pintado integral das instalacións e no tratamento de pavimentos interiores e carpinterías de madeira; e na mellora do mobiliario, coa colocación de novas portas, de andeis e o arranxo de fiestras. Tamén se instalaron novos elementos de seguridade e protección.

O xerente do Consorcio sinalou que esta intervención forma parte do programa de obras de mellora e mantemento nas escolas infantís da Xunta que se levan a cabo todos os anos durante o verán para preparar os centros de cara ao novo curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2026