A Xunta mantén aberta a convocatoria de axudas para a posta en marcha de novas casas niño no rural

O Goberno galego inviste máis de 300.000 euros na posta en marcha destes recursos que permitirán chegar ás máis de 530 prazas 0-3 gratuítas

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026

A Xunta mantén aberta a convocatoria de axudas para a posta en marcha de cinco casas niño, co obxectivo se seguir reforzando a rede de recursos destinados a atención da primeira infancia, especialmente, nas zonas rurais. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 14 de setembro.

A Xunta inviste máis de 300.000 euros para poñer en marcha cinco novos servizos de atención a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos nos concellos do rural galego. Con esta nova convocatoria, Galicia sumará máis de 530 recursos destas características, que están operativos once meses ao ano e oito horas ao día e permiten que os pequenos reciban atención gratuíta sen ter que abandonar a súa contorna.

Cada un destes servizos pode atender ata cinco nenos e están localizados en concellos con menos de 5.000 habitantes. Nestes momentos, hai un cento de casas niño na comunidade e o investimento do Goberno galego ascende xa a máis de 13,5 millóns de euros.

Con esta nova orde de axudas dáselle continuidade ás medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a conciliación das familias, como a gratuidade da educación infantil 0-3, e que sitúan a Galicia como unha comunidade referente nesta materia; ou o Bono Concilia Familia, unha achega económica directa para contribuír a sufragar os custos dos servizos de atención nos períodos non lectivos.

Data de actualización: 20/08/2026