A Xunta inviste 100.000 € na renovación do pavimento dos pantaláns pesqueiros e o mexilloeiro no peirao do Grove
Marta Villaverde visitou as obras que Portos de Galicia ten en execución dentro dun contrato global por importe de 640.000 € para unha decena de dársenas
O Grove (Pontevedra), 25 de agosto de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 100.000 euros na renovación integral do pavimento de madeira dos pantaláns profesionais 1 e 2 para embarcacións pesqueiras e o pantalán mexilloeiro do Grove (Pontevedra). Así o trasladou esta mañá a conselleira, Marta Villaverde, nunha visita á dársena para comprobar os avances nesta actuación.
Villaverde explicou que esta actuación enmárcase nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa en avanzado estado de execución por importe de 640.000 euros. Con este plan o ente público reforza a resistencia das instalacións flotantes ante condicións adversas no porto grovense así como nos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, A Barquiña (Outes) Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa e Baiona.
A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas.
En concreto no porto do Grove, o ámbito da actuación abrangue os tres pantaláns, fingers e a pasarela, cunha superficie total de máis de 1.100 metros cadrados. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.
Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.