O Servizo Galego de Saúde convoca o proceso selectivo para 25 prazas na categoría de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Trátase dunha oferta extraordinaria, por sistema de concurso, cuxo obxectivo é axilizar a provisión de especialistas nun servizo considerado de difícil cobertura
Ofértanse a totalidade das vacantes existentes neste servizo do hospital ourensán, reservando 2 prazas para a quenda de discapacidade xeral
Co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, incentívase co triplo de puntuación a experiencia laboral acumulada polos servizos prestados nas urxencias do hospital da cidade de Ourense
O prazo de inscrición de participación no proceso comeza mañá e remata o 30 de setembro
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026
A Consellería de Sanidade publica hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia, a convocatoria do proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso a 25 prazas na categoría de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Ofértanse todas as prazas vacantes, 17 pola quenda de acceso libre, 6 pola quenda de promoción interna e 2 para a quenda de discapacidade xeral.
O obxectivo principal deste procedemento extraordinario é garantir a calidade e a continuidade asistencial nun servizo sanitario considerado como prioritario, ademais de dar unha resposta efectiva ás necesidades de persoal do centro que, malia contar cun cadro de persoal de 50 profesionais, na actualidade unicamente ten ocupadas 25 destas prazas.
A medida realízase ao abeiro da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, impulsada polo Executivo autonómico e aprobada no Pleno do Parlamento galego o pasado 7 de xullo, que dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias do hospital de Ourense.
Ademais, co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, incentívase co triplo de puntuación a experiencia laboral acumulada polos servizos prestados nas urxencias do hospital ourensán.
As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE). O prazo de inscrición de participación no proceso comeza mañá e remata o 30 de setembro de 2026.
Deste xeito, búscase que o proceso selectivo poida estar resolto, e as prazas de médico de urxencias cubertas, no primeiro semestre do vindeiro ano.
Reforzo ás urxencias
Na actualidade, as necesidades de persoal do servizo de urxencias deste hospital estanse a resolver grazas ao esforzo e ao compromiso dos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e doutras áreas sanitarias, que están a cubrir as vacantes. Para iso, a Xunta puxo en marcha un programa especial de urxencias para que facultativos doutras áreas presten apoio e cubran o servizo de urxencias do hospital ourensán.
Con estas medidas, a Xunta mantén a súa aposta por reforzar o sistema sanitario público en Ourense, achegando a mellor asistencia sanitaria posible aos usuarios do Servizo Galego de Saúde.