A Xunta lembra en Vigo que segue aberta a convocatoria de incentivos á contratación en beneficio dos colectivos prioritarios de inserción
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais visitou hoxe o Grupo CdeC, que grazas ao programa autonómico Galicia Suma Talento: Emprégate —dotado con 19,7 M€— vén de contratar unha persoa moza
Susana Pérez Iglesias destaca que a orde deste ano prioriza a contratación de persoas participantes nos programas de formación impulsados polo Goberno galego, co obxectivo de pechar o círculo da empregabilidade
As persoas empregadoras e empresas interesadas en solicitar estes apoios teñen de prazo ata o 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito dispoñible
Vigo, 26 de agosto de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, animou hoxe en Vigo a solicitar os apoios do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dotado con 19,7 M€ co obxectivo de impulsar a contratación dos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. Fíxoo nunha visita ao Grupo CdeC, pertencente ao eido das artes gráficas e beneficiario desta iniciativa, grazas á que vén de contratar unha persoa moza.
A secretaria xeral destacou que a Xunta prevé promover a contratación indefinida dunhas 2.500 persoas de colectivos prioritarios como a mocidade, as mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou vítimas de trata de seres humanos, con fillos menores de 3 anos ou en ocupacións masculinizadas. Tamén hai incentivos en beneficio das persoas paradas de longa duración, das maiores de 52 anos, das persoas emigrantes retornadas ou estranxeiras e das persoas con discapacidade ou en risco exclusión social.
A representante autonómica fixo fincapé en que este ano se prioriza como novidade a contratación de persoas participantes nos programas de formación impulsados pola Xunta co gallo de pechar o círculo da empregabilidade. Engadiu que as persoas empregadoras e empresas interesadas en solicitar estas axudas —incluídos os autónomos, as sociedades civís, as entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción— poderán facelo ata o 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito dispoñible.
Novidades do programa
O Galicia Suma Talento: Emprégate inclúe neste 2026 incentivos pioneiros para a contratación indefinida daquelas persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións de AFD, obradoiros de emprego, programas integrados de emprego ou un contrato formativo ao abeiro das axudas de Primeira experiencia profesional. Ademais, por primeira vez nunha iniciativa deste tipo, a axuda ao centro de traballo poderase incrementar nun 25 % no caso de que a persoa contratada superase os estudos vinculados ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos dous anos previos.
As contías das axudas por persoa contratada poderán oscilar entre os 6.000 e os 14.500 euros, sendo a máxima posible de 17.000 € no caso de aplicarse todos os incrementos relativos a casuísticas como que o centro de traballo estea nun concello rural, entre outras. Así mesmo, Galicia Suma Talento: Emprégate inclúe incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.