A delegada da Xunta en Ferrol recoñece o traballo do Museo Mares de Cedeira na posta en valor do patrimonio mariñeiro

Martina Aneiros visitou hoxe o centro, onde deu conta da resolución das axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinadas a centros museísticos

Cedeira (A Coruña), 26 de agosto de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe xunto ao director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, o Museo Mares de Cedeira. Alí deu conta da resolución das axudas destinadas a centros museísticos inscritos no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.

Aneiros destacou que esta convocatoria deixou mais de 20.000 euros en achegas no ámbito da delegación. En concreto, o museo Cedeirés recibiu mais de 6.500 euros destinados á realización de talleres didácticos, dirixidos tanto a adultos como a nenos, e á implementación dun novo sistema informático de inventario.

A representante autonómica salientou tamén durante a visita a importancia do Museo Mares de Cedeira “na posta en valor do patrimonio mariñeiro e desa identidade ligada ao mar que caracteriza ao municipio”. Este centro conta con diferentes pezas utilizadas para a pesca e o marisqueo, así como fotografías, fósiles e obxectos que devolve o mar, entre outros recursos, para configurar un espazo onde achegar ao visitante á historia da vila e á importancia do mar no seu desenvolvemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2026