A Xunta destina preto de 100.000 euros á mellora de camiños rurais no Concello de Sarria

Alfonso Villares comprobou o resultado dos traballos que se executaron na vía que une San Andrés e Biville con cargo a estas axudas

Sarria (Lugo), 26 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe o resultado dos traballos de acondicionamento que se realizaron na vía que une os lugares de San Andrés e Biville, en Sarria, ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026.

A intervención permitiu mellorar o firme nun tramo de 1.400 metros desta pista, que presentaba desgaste e irregularidades no pavimento.

No concello de Sarria, o Plan Camiña Rural supuxo un investimento de 96.752 euros, que se destinaron á mellora de arredor de 4 quilómetros de vías e camiños municipais. Así, ademais da pista entre San Andrés e Biville, melloráronse tamén os accesos aos núcleos de Goimil, desde a estrada LU-636, e Miralde.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións “que contribúen a mellorar a accesibilidade no medio rural, a fixar poboación e a incrementar a competitividade das explotacións agrarias”. Puxo ademais en valor a colaboración entre administracións para executar obras que teñen un impacto directo no día a día da cidadanía.

A última convocatoria deste programa autonómico, correspondente ás anualidades 2026-2027, contempla un investimento total de preto de 19 millóns de euros no conxunto de Galicia. Estes fondos financian actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2026