A Xunta salienta o valor da iniciativa Conecta co Voluntariado en Galicia no pulo ao compromiso da mocidade galega do exterior co patrimonio galego
O secretario xeral da Emigración recibiu no aeroporto de Alvedro á mocidade que participa na modalidade cultural do programa Conecta co Voluntariado en Galicia
Nesta edición participan 17 mozas e mozos do exterior procedentes de Arxentina, Cuba, Uruguai e Venezuela, aos que se suman arredor de cinco residentes en Galicia
As persoas participantes colaborarán ata o 6 de setembro en tarefas de apoio ao equipo de escavación e mantemento do castro de Viladonga
Culleredo (A Coruña), 26 de agosto de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe no aeroporto de Alvedro á mocidade galega do exterior que participa na modalidade cultural do programa Conecta co Voluntariado en Galicia 2026. Este programa, que se desenvolve en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, favorece o reencontro das novas xeracións coas súas raíces ao tempo que promove a súa implicación activa na conservación do patrimonio galego. Os participantes procedentes de Arxentina, Uruguai, Cuba e Venezuela chegaron esta semana a Galicia.
Miranda destacou que esta experiencia ofrece á mocidade a oportunidade de “coñecer a Galicia dos seus pais e avós dunha maneira diferente, vivíndoa desde dentro e contribuíndo directamente a conservar un patrimonio que tamén forma parte das súas raíces”. O secretario xeral salientou tamén a importancia de favorecer a convivencia entre a mocidade galega do exterior e a residente na comunidade, creando vínculos persoais e afectivos que permitan manter e reforzar a relación das novas xeracións coa terra.
O voluntariado cultural desenvolverase entre o 26 de agosto e o 6 de setembro no Castro de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei, onde os participantes colaborarán co equipo de traballo do xacemento en tarefas de escavación e conservación. Nesta edición participan 17 mozos do exterior, cunha idade media de 24 anos: oito proceden da Arxentina, tres de Cuba, dous de Uruguai e catro de Venezuela. A eles sumaranse arredor de cinco mozos residentes en Galicia. No conxunto do programa participan nesta edición preto de 40 persoas procedentes do exterior e de entre 21 e 30 anos, chegadas de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela.
Miranda salientou finalmente que iniciativas como esta permiten que a relación coa Galicia exterior se proxecte cara ao futuro: “Queremos que estas mozas e estes mozos descubran Galicia, que a sintan como propia e que esta experiencia reforce un vínculo que continúe cando regresen aos seus países”. “A mocidade do exterior que se achega ás súas raíces é unha nova ponte que construímos entre Galicia e a súa diáspora”, concluíu.