A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na Conferencia Sectorial da Infancia e Adolescencia
Galicia reclama máis fondos para Ceuta e esixe ao Goberno central unha política migratoria consensuada
A Xunta vota a favor da asignación de 25 millóns de euros á cidade autónoma e traslada a súa solidariedade co pobo ceutí
Santiago de Compostela, 27 de agosto do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou hoxe a solidariedade de Galicia con Ceuta e denunciou a incompetencia, a falta de coordinación e as liortas do Goberno central, ao que responsabilizou da crise aberta na cidade autónoma. Fíxoo na Conferencia Sectorial da Infancia e Adolescencia, na que votou a favor da asignación de 25 millóns de euros a Ceuta para atender á situación.
Fabiola García, que estivo acompañada do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, deixou claro na reunión que o Goberno central ten que destinar todos os recursos necesarios para que Ceuta poida dar resposta á emerxencia que sofre. Ao respecto, considerou insuficientes os 25 millóns consignados, tal e como apuntou a cidade autónoma e recoñeceu o propio Executivo central.
Ademais, a conselleira afirmou que o que está a acontecer “é unha situación provocada pola incompetencia do Goberno de España no control das fronteiras”. “Un goberno que chega tarde e mal a esta crise”, engadiu.
Por outra parte, a conselleira apuntou que a Lei de Estranxeiría recolle como primeira opción o regreso coas familias de orixe e, no caso de que non sexa posible, o retorno ao sistema de protección de Marrocos. Sobre esta última cuestión, lamentou que o Goberno de España “non movera nin un papel” para atender a solicitude do país veciño sobre o retorno dos seus menores.
Fabiola García reivindicou a solidariedade demostrada por Galicia, pero apuntou que calquera hipotético reparto de menores pola Península ten que ser consensuado coas Comunidades Autónomas e contar co financiamento necesario. Ao respecto, lembrou que último ano o Executivo central reduciu a Galicia nun 82 % os fondos para esta materia, pasando de 4,2 millóns a 750.000 euros.