A Xunta avanza da man do tecido produtivo de Lugo na atracción de talento e na capacitación de sectores estratéxicos como o da automoción e o forestal

Lugo, 27 de agosto de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, realizou hoxe senllas visitas na provincia de Lugo orientadas a coñecer as necesidades de man de obra e de capacitación de sectores estratéxicos como o da automoción e o forestal. Acompañada polo presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, primeiro estivo na sede da Asociación provincial de reparación e venda de automóbiles e recambios (Aprevar), en Lugo, onde constatou o seu labor e formación orientada ao impulso deste eido económico.

Posteriormente, a representante autonómica visitou en Begonte —nunha visita na que tamén estivo o alcalde, José Ulla— a Agrupación Lucense de Maderas S.A. (Almasa), onde viu de preto como traballa e as necesidades desta empresa dedicada ao serrado e preparación industrial da madeira. En ambos casos, Pérez Iglesias recordou os apoios do Goberno galego destinados, entre outros obxectivos, a promover a contratación e a formación para o emprego co gallo de dar resposta ao que precisa o tecido produtivo en canto á captación de talento e profesionalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2026