A Xunta publica hoxe a declaración da área de rehabilitación integral dos barrios Milagrosa e Feijoo, en Lugo, que abrangue máis de 4.000 vivendas

O delegado territorial destaca que a declaración abre unha “oportunidade real para a revitalización destes espazos” ao facilitar o acceso a liñas específicas de financiamento

Lugo, 27 de agosto de 2026

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da declaración da área de rehabilitación integral (ARI) dos barrios da Milagrosa e Feijoo, no concello de Lugo, que abrangue un total de 4.043 vivendas.

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Alfonso Villares, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, e a alcaldesa da cidade, Elena Candia, presentou hoxe no centro sociocomunitario da Milagrosa os detalles da nova ARI, que permitirá avanzar na planificación de actuacións destinadas á rehabilitación dos edificios e vivendas e tamén á mellora dos espazos urbanos incluídos neste ámbito.

Villares destacou que esta declaración “abre unha oportunidade real para a transformación e revitalización dos barrios Milagrosa e Feijoo” xa que “facilitará a chegada de fondos para actuacións de mellora tanto nas vivendas como no entorno urbano, co obxectivo de revitalizar estes espazos e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

O número total de vivendas no ámbito da nova ARI é de 4.043 vivendas repartidas en 1.025 edificios, dos cales 931 teñen como uso principal o residencial. A superficie total é de 25.797,14 metros cadrados -24.000,11 metros cadrados corresponden ao barrio da Milagrosa e 1.797,03 metros cadrados ao barrio de Feijoo-.

Os representantes autonómicos explicaron que o Concello de Lugo poderá optar a fondos para o financiamento de actuacións nesta área de rehabilitación integral cando se realice a correspondente convocatoria, unha vez que o Plan de Vivenda estea en execución.

Segundo detallaron, permítense actuacións de rehabilitación en edificios ou en vivendas unifamiliares, “que atendan a mellorar as condicións de accesibilidade, de seguridade, conservación ou eficiencia enerxética”. As axudas poden chegar ata os 54.000 euros por vivenda no caso de actuacións comúns en edificios (como intervencións en fachadas, cubertas ou ascensores) e ata os 25.000 para actuacións no interior das vivendas. A maiores existe a posibilidade de utilizar fondos para mellorar espazos públicos.

Para o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, esta ARI vai supor “un antes e un despois” para este ámbito posto que “permitirá facer unha planificación ordenada das actuacións de rehabilitación e dará aos propietarios a tranquilidade de saber que existen fondos para poder programar as súas actuacións”.

A área de rehabilitación integral da Milagrosa e barrio Feijoo é a terceira do municipio de Lugo, sumándose ás declaradas xa no conxunto histórico da cidade e no barrio do Sagrado Corazón. En toda Galicia, a Xunta ten declaradas 81 ARIS municipais e 3 supramunicipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2026