Villaverde pon en valor o peso estratéxico de Jealsa como un dos referentes da cadea mar-industria galega
A conselleira do Mar visita as instalacións da compañía en Boiro, para coñecer os seus proxectos de expansión, innovación e sustentabilidade
Boiro (A Coruña), 27 de agosto de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou as instalacións de Jealsa Corporación en Boiro, nun encontro no que abordaron os principais proxectos que está a desenvolver a compañía para ampliar e modernizar a súa capacidade industrial. Durante a visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo unha reunión de traballo co presidente da entidade, Jesús M. Alonso Escurís, e outros responsables da empresa.
A conselleira puxo en valor o papel de Jealsa como un dos referente da industria conserveira galega e española e como un dos grandes motores económicos da comarca do Barbanza. As instalacións do Bodión xeran arredor de 1.200 empregos directos, mentres que o grupo conta con 3.600 profesionais e pechou 2025 cunha facturación récord.
A conselleira destacou tamén o apoio da Xunta á consolidación da actividade de Jealsa en Boiro a través da ampliación excepcional da súa concesión no porto de Bodión, autorizada por Portos de Galicia o pasado mes de novembro. Esta medida permite á compañía manter a súa actividade neste espazo portuario ata xuño de 2067, achegando maior seguridade xurídica e favorecendo o mantemento e incremento do investimento e do emprego na comarca.
A ampliación está vinculada ao compromiso inversor da compañía, que prevé destinar 8 millóns de euros nos vindeiros anos á modernización e ampliación das súas instalacións, incluída a mellora da eficiencia enerxética da nave principal, a construción dunha nova nave e a reconstrución doutra instalación industrial. A titular de Mar salientou así a importancia de facilitar as condicións necesarias para que empresas estratéxicas vinculadas á cadea mar-industria consoliden a súa actividade en Galicia, eviten procesos de deslocalización e continúen xerando riqueza e emprego no territorio.
Durante o percorrido, Villaverde coñeceu tamén as actuacións vinculadas ao plan de investimento da compañía e os seus proxectos en materia de innovación, dixitalización, economía circular e sustentabilidade, como exemplo da aposta da cadea mar-industria pola modernización e por modelos produtivos máis eficientes.