A Xunta impulsa a investigación no eido da acuicultura galega para a súa aplicación industrial
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP achega o 60% do custo da iniciativa Mitakua mediante o programa Nexos
Neste proxecto participan tres empresas galegas, que son Nueva Pescanova Biomarine Center, Sea Sole Acuicultura e Neutro Aplications, e con el buscan preparar ao sector ante os desafíos do cambio climático
O conselleiro Román Rodríguez resaltou na visita a Nueva Pescanova que “a unión das capacidades empresariais co coñecemento dos nosos centros de investigación permitirá acadar solucións cruciais para o futuro da acuicultura”
Esta iniciativa, exemplo da nosa I+G+i, conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA) e do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña (UDC)
O Grove (Pontevedra), 27 de agosto de 2026
A Xunta financia a través do programa Nexos un proxecto de I+D+i para que o sector acuícola se prepare para afrontar os retos do cambio climático. Trátase de combinar tecnoloxías para obter solucións innovadoras e sostibles a longo prazo que permitan fortalecer a actividade acuícola e que sexan aplicables e eficaces a nivel industrial. Así o explicou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, na visita ás instalacións de Nueva Pescanova Biomarine Center, unha das empresas do proxecto Mitakua, xunto con Sea Sole Acuicultura e Neutro Aplications.
No proxecto participan tamén dous organismos de investigación con ampla experiencia investigadora neste ámbito: o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA), cun equipo investigador especializado en biotecnoloxía acuícola e mariña, e o Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña (UDC), cuxos laboratorios se atopan no Centro de Investigación Científica Avanzada (CICA), un dos dez centros de excelencia que conforman a Rede CIGUS da Xunta de Galicia.
O custo total deste proxecto supera os 680.000€, dos que a Consellería achega o 60%. O conselleiro destacou que se trata dun exemplo da nosa I+G+i, “unindo capacidades empresarias e coñecemento dos nosos centros de investigación para acadar solucións cruciais para o futuro do sector acuícola”.
Neste senso, o proxecto Mitakua baséase na ciencia e busca solucións desde un punto de vista multidisciplinar, combinando perspectivas ambientais, biolóxicas, económicas e sociais. Para prepararse ante os desafíos do cambio climático, os organismos participantes traballan en desenvolvementos tecnolóxicos en bioseguridade, como é a análise de patóxenos emerxentes, a monitorización continua dos mesmos e innovacións na identificación; na nutrición, como pensos resilientes ao cambio climático; e na mellora das instalacións mediante sistemas de recirculación.
O titular de Ciencia, acompañado na súa visita pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director do Nueva Pescanova Biomarine Center, David Chavarrías; e o director do CETGA, Santiago Cabaleiro, resaltou “a capacidade do ecosistema de I+G+i de desenvolver proxectos punteiros e de adiantarse ás necesidades futuras, de modo que a innovación sirva así para prever novos escenarios”. “Ademais, o froito destes proxectos de investigación poden ser exportables a outros territorios nos que o sector acuícola, coma neste caso, teña un peso importante”, apuntou.
Bioseguridade, pensos e recirculación da auga
O proxecto Mitakua céntrase en desenvolver un programa de bioseguridade para o monitoreo de patóxenos potenciais que permita estimar as ameazas para as especies cultivadas na actualidade. Tamén traballa en identificar pensos resilientes e ingredientes funcionais que axuden aos peixes a aclimatarse mellor a situacións de estrés térmico e a adaptarse aos períodos de alta temperatura da auga.
Ademais, os socios do proxecto crearán novos protocolos de cría que axuden a xestionar a produción con maior benestar das especies criadas e deseñarán sistemas de recirculación para a acuicultura mariña optimizados perante as condicións físico-químicas e biolóxicas producidas polo cambio climático. Outro dos obxectivos é implementar un programa de difusión para comunicar os resultados do proxecto á comunidade científica, público, administracións, ONG e industria.
Proxectos colaborativos entre tres e seis empresas
A finalidade de Nexos é promover a realización de proxectos empresariais colaborativos de I+D+I de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, facilitar a transferencia de tecnoloxía e a adopción de solucións avanzadas que permitan ás pemes liderar procesos de transformación dixital, avanzar cara a sostibilidade e mellorar a súa competitividade. Os proxectos son realizados por agrupacións dun mínimo de tres empresas e un máximo de seis. “Fomentar a colaboración directa entre pemes galegas, centros de investigación e universidades é fundamental e supón unha fortaleza da nosa I+G+I”, expresou o conselleiro de Ciencia.
Na actual convocatoria 2026-2028 o programa Nexos apoia 37 proxectos, con 138 empresas participantes e un investimento de 22,6 M€ por parte da Xunta de Galicia, que conta con fondos europeos. Nesta convocatoria agardan mobilizar 39,75 M€.