O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou o centro para comprobar o avance das obras
A Xunta prevé rematar a rehabilitación integral do Colexio Praia Xardín de Boiro a comezos de 2027
A actuación redundará na mellora da eficiencia enerxética do centro en case un 38%
Cun orzamento de máis de 1,1 M€, a intervención inclúe o illamento térmico e a renovación de cubertas, fiestras, portas, luminarias e falsos teitos
O Goberno galego está a investir máis de 10 M€ en obras nos colexios e institutos do Barbanza ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica
Boiro (A Coruña), 26 de agosto de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe Praia Xardín, en Boiro, onde comprobou o avance das obras de rehabilitación integral que o seu departamento está a acometer e que se prevé rematar no primeiro trimestre de 2027.
Cun orzamento de máis de 1,1 M€, o obxectivo da intervención é “mellorar a eficiencia enerxética do colexio en case un 38% e, como consecuencia, acadar un maior confort térmico para a comunidade educativa”, explicou o conselleiro. Neste sentido, lembrou que o Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta a través da que a Xunta está a renovar e modernizar os centros educativos galegos, ten entre as súas prioridades a redución do consumo enerxético das instalacións educativas, facéndoas máis respectuosas co medio ambiente ao tempo que máis funcionais para alumnos e docentes.
A obra deste colexio inclúe a instalación dunha nova cuberta de 2.034 m² de panel sándwich con illamento de la de roca, así como a renovación dos canlóns e baixantes. Tamén se aplica sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE nas fachadas e colócanse 132 fiestras novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre. Xa no interior, instálanse 509 luminarias led e 115 de emerxencia e 71 novas portas con folla de alma de poliuretano e laminado fenólico e falsos teitos.
Neste momento, a obra supera o 25% da execución, cos traballos moi avanzados no que atinxe ao cambio das fiestras e dos falsos teitos. A intervención compatibilizarase co desenvolvemento do curso escolar, realizando os traballos polas tardes, nas fins de semana e nas vacacións de Nadal.
Máis de 10 M€ no Barbanza
O Goberno galego está a investir máis de 10 M€ en obras nos colexios e institutos do Barbanza no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Ademais desta obra, en Boiro acometeuse o cambio da cuberta do instituto da localidade (422.000€), así como a do Colexio Santa Irene (260.000€), a maiores doutras intervencións de pequena e mediana envergadura.
Así mesmo, na zona destacan as rehabilitacións integrais dos Institutos da Pobra do Caramiñal (2 M€) e do Plurilingüe Fontexería (Muros, 1,4 M€), dos Colexio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1 M€) e do Plurilingüe de Frións (Ribeira, 655.000€), as melloras sectoriais no Centro Público Integrado Cernadas de Castro (Lousame, 454.000 €) e o peche lateral da pista deportiva do IES Porto do Son (267.000€).