A Xunta estuda cos Consellos Sociais das universidades novas medidas para reforzar o seu traballo

O conselleiro de Educación reuniuse cos presidentes destas entidades, órganos de participación e representación da sociedade nas universidades públicas

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá cos presidentes dos Consellos Sociais das universidades de Santiago de Compostela, Cecilia Sierra; de Vigo, Ernesto Pedrosa, e da Coruña, Antonio Abril. O obxectivo do encontro foi estudar posibles novas medidas para reforzar o traballo destes órganos.

Na reunión, na que participou tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, abordouse tamén o inicio dos traballos de elaboración do novo Plan de Financiamento Universitario para o período 2028/32. A este respecto sinalouse o importante papel dos Consellos Sociais nun contexto de crecentes recursos públicos para as universidades galegas.

Neste sentido, cómpre lembrar que os Consellos Sociais son o órgano de participación e representación da sociedade nas universidades públicas, un espazo de colaboración e rendición de contas no que a universidade se relaciona con outras institucións, organizacións sociais e o tecido produtivo. Teñen entre as súas funcións, marcadas pola lexislación estatal e autonómica, facilitar a conexión da universidade coa sociedade, promover a captación de recursos económicos procedentes de diferentes ámbitos e a supervisión económica das universidades públicas, incluíndo a aprobación da súa planificación plurianual e orzamentos anuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2026