O conselleiro de Educación, acompañado do seu equipo, presentou en rolda de prensa as principais cifras e novidades do inicio do curso 2026/27

A Xunta mantén 800 aulas grazas ao acordo de mellora do sistema educativo pese á caída de alumnos

O curso comeza este 9 de setembro con 298.436 alumnos de Infantil a Bacharelato, 4.617 menos que o anterior e 22.500 menos que hai unha década

Este ano aplícase por completo a redución de ratios en toda a etapa de Infantil, continúase a baixada nos agrupamentos rurais e iníciase a reconfiguración do horario do profesorado de Secundaria para unha atención máis individualizada

O ensino público terá unha cifra récord de profesores, con 900 máis en Secundaria, aínda que están por pechar as incorporacións que se produzan en setembro

En materia de atención á diversidade consolidáronse xa preto de 200 PT e AL en Infantil e Primaria e súmanse 150 novos especialistas a Secundaria, un reforzo de persoal ao que se engadirán novas accións a favor da inclusión

Os novos auxiliares de conversa chegarán ás aulas a comezos do segundo trimestre grazas ao desenvolvemento dun programa propio desde Galicia ante a falta de seguridade xurídica a nivel estatal

Todas as medidas van encamiñadas a afianzar os piares da educación presente e futura, na que Galicia “abre camiño e crea escola”

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe as principais cifras, así como as novidades, do inicio do curso 2026/27, que arranca o vindeiro 9 de setembro para alumnado e familias. Nunha rolda de prensa acompañado polo seu equipo directivo, destacou que, malia ao contexto de descenso de alumnos derivado da caída da natalidade, o acordo de mellora do sistema educativo asinado en 2023 cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT, ao que despois se sumou CSIF, permitiu manter xa 800 aulas, evitando o seu peche ou favorecendo desdobres.

En referencia a este acordo, ao que se sumaron novidades neste 2026, Román Rodríguez salientou que nos dous últimos cursos se desenvolveu “a maior modernización e mellora da educación en Galicia dos últimos 30 anos”, e que se continúa, “coa mente posta en afianzar os piares da nosa educación no presente e tamén no futuro”. Moitas das medidas “abriron camiño e crearon escola e están a ser imitadas noutras comunidades autónomas e mesmo a nivel nacional”, indicou. “Seguiremos por este camiño, achegando certezas, fiabilidade e avances á nosa educación, froito da colaboración de toda a comunidade educativa”, afirmou.

No que atinxe aos datos de matrícula, o curso comeza con 298.436 alumnos en Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, 4.617 menos que o ano anterior. Por etapas, a maior caída prodúcese en Primaria, con 2.600 alumnos menos; seguida de Infantil (981 menos), ESO (854 menos) e Bacharelato (459 menos). Só Educación Especial conta con 47 alumnos máis.

 

Infantil

Primaria

ESO

Bacharelato

Especial

Alumnos/as

46.678

121.491

95.503

33.474

1.290

Diferenza

-981

-2.600

-854

-229

47

 

A comparativa coa situación de hai unha década, respecto do curso 2016/17, reflicte unha caída de 22.500 alumnos nestas etapas, ao tempo que se foi incrementando a presenza de alumnado estranxeiro: do 2,6% daquel ano académico ao preto do 7% actual, o que supón novas necesidades ás que o sistema educativo galego está a dar resposta. É dicir, aínda que a cifra global de alumnado caia, hai máis diversidade nas aulas, que se está atendendo con recursos máis especializados e individualizados.

Redución da ratio en toda a etapa de Infantil

No que respecta ao número total de aulas, para este curso será de arredor de 12.000, unha cifra moi similar á do ano pasado, con importantes novidades en Infantil, Primaria e Educación Especial, onde medran en 45 grupos.

O conselleiro lembrou que as aulas salvadas son resultado da redución das ratios a 20 alumnos por aula (desde os 25 anteriores) que se completa este curso para toda a etapa de Infantil e comezará a aplicarse no curso 2027/28 en Primaria. Así mesmo, continuarase a aplicación do acordo nos agrupamentos rurais.

“Antes incluso de que se deixen notar estes resultados nas estatísticas anuais do Ministerio, estas reflicten que Galicia é unha das comunidades coas mellores ratios de España en alumnos por aula”, destacou o conselleiro. “Estamos por debaixo da media en todas etapas educativas e en número de alumnos por profesor a ratio galega é a mellor de todo o país: un 9,7 fronte á media nacional de 11,1”, indicou.

Cifra histórica de docentes

De feito, e aínda cos datos definitivos por pechar, Galicia vai contar este curso cunha cifra histórica de docentes, derivado tanto da redución das ratios como do pacto para intensificar as medidas do acordo de mellora do sistema educativo, rubricado neste 2026, a través do que se reconfigura o horario do profesorado de Secundaria para favorecer unha mellor atención a alumnado e familias. Ademais, grazas ás primeiras medidas do novo Plan de impulso á atención á diversidade, súmanse 150 docentes especialistas (en Pedagoxía Terapéutica e orientadores) nesta etapa, polo que haberá arredor de 900 profesionais máis en Secundaria.

Román Rodríguez destacou esta ampliación do cadro de profesorado como “un fito do que non existen comparativas similares recentes e que redundará nunha mellora da calidade educativa, nunha mellor atención e blindaxe da igualdade de oportunidades”. Cómpre salientar que nos primeiros días de curso aínda se poden producir asignacións a maiores de docentes a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, polo que a cifra total de profesorado aínda non está pechada, pero será unha cifra récord.

Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de mellorar a carreira docente desde a formación inicial ata a continua, cuestión crucial na que o Goberno galego leva moito tempo insistindo. Diante da falta de ambición da proposta presentada polo Ministerio de Educación, o conselleiro anunciou que lle pedirá á ministra do ramo ”que incorpore as suxestións de comunidades que, como Galicia, levamos anos traballando neste aspecto”.

Inclusión e equidade como prioridade

“Todas estas melloras estruturais reforzan os piares da nosa educación, o profesorado e o alumnado, posto que nos permiten camiñar cara unha atención máis especializada e individualizada”, dixo o conselleiro. Neste sentido, destacou a posta en marcha este curso do devandito Plan de impulso á atención á diversidade, “unha das nosas liñas estratéxicas principais, á que lle damos pulo cunha folla de ruta moi ambiciosa”.

A este respecto sinalou que este plan suporá a incorporación ás aulas en dous anos de 400 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación, 150 deles xa este curso. Ademais, preto de 200 xa están consolidados en Infantil e Primaria grazas á modificación do acordo de catálogos.

Ademais, neste curso porase en marcha un programa piloto, en colaboración con entidades especializadas de atención á diversidade, para favorecer a aprendizaxe  deste alumnado. Para iso, ofreceráselles un apoio máis individualizado, ao tempo que se garante, como máxima principal, a súa inclusión na contorna ordinaria, ámbito no que Galicia leva anos sendo líder a nivel de España: o 94,2% do alumnado con necesidades especiais está integrado en centros ordinarios, case un 10% máis que a media nacional.

Tamén continúan en funcionamento iniciativas como a FP Básica adaptada e nacen outras novas como o programa Cualifica Talento, para loitar contra o abandono especialmente entre a poboación masculina e inmigrante. A través desta iniciativa conseguiuse xa que se matricularan en itinerarios de FP preto de 600 persoas. Así mesmo, estase a tramitar a nova Lei de aprendizaxe permanente para persoas adultas, na que un dos colectivos de interese é, precisamente, a poboación de orixe estranxeira.

En definitiva, no curso que comeza impúlsanse accións novas e consolídanse outras xa en marcha para dar pulo á inclusión na educación, afianzando así a equidade no ensino.

Programa propio de auxiliares de conversa

O sistema educativo galego caracterízase por estar á vangarda no ámbito do plurilingüismo e así o reflicten informes como o de Education First. Malia que o Ministerio de Educación non garante a seguridade xurídica no programa de auxiliares de conversa, razón pola que Galicia se viu obrigada a abandonalo, a Consellería está a ultimar os detalles do novo programa autonómico de auxiliares, que, en previsións, se incorporarán ás aulas a comezos do segundo trimestre.

Así mesmo, a Xunta recorrerá a multa que pretende impoñerlle o Goberno de España polo desenvolvemento do programa de auxiliares conforme aos criterios do Ministerio de Educación e, de ter que pagala, esixirá unha compensación económica.

Medidas que crean escola

Ademais da redución de ratios, a inclusión e o plurilingüismo, o conselleiro destacou entre as liñas estratéxicas de traballo do seu departamento para o novo curso a aprobación e inicio da aplicación na nova Lei de educación dixital de Galicia, “unha normativa pioneira e inédita a nivel estatal que marcará un antes e un despois no ensino galego e servirá de exemplo para toda España”.

Tamén o impulso definitivo á calidade, innovación e especialización na FP galega, consolidando itinerarios como a FP Básica adaptada, a Básica para adultos ou a FP acelerada, á par que se implantan as dúas novas modalidades lanzadas este 2026/27: os itinerarios integrados para favorecer a permanencia do alumnado no sistema e as dobres titulacións internacionais.

Así mesmo, a boa convivencia escolar seguirá a ser un dos obxectivos prioritarios, en cuxa consecución se traballa xa con 117 municipios adheridos á Rede de concellos contra o acoso escolar. Ademais, porase en funcionamento de xeito inmediato a Oficina de Apoio ao Profesorado para reforzar a súa autoridade no exercicio da docencia.

“Nadando a contracorrente” coa Lomloe

O conselleiro situou o desenvolvemento destas ambiciosas políticas educativas no contexto dos cinco cursos de implantación da lei estatal Lomloe, “que xerou importantes efectos perversos para o sistema educativo que desde Galicia intentamos paliar con diferentes iniciativas” dixo, moitas veces “nadando a contracorrente”.

A este respecto, sinalou que a Xunta mantivo sempre o respecto á legalidade vixente, pero buscando solucións necesarias para reverter os seus efectos negativos en áreas como a falta de recoñecemento ao esforzo académico, a desvalorización da autoridade do profesorado ou o incremento da burocracia no sistema, entre outros.

Data de actualización: 25/08/2026