A Xunta distribúe máis de 400.000 unidades de semente de bivalvos para apoiar a recuperación dos bancos marisqueiros

As entregas realizadas nos últimos días culminaron hoxe coa distribución de 15.000 unidades de ameixa babosa á Confraría da Coruña

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia, a través do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), dependente da Consellería do Mar, realizou na última semana novas entregas de semente ás entidades do sector para contribuír á recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros. En concreto, desde o pasado 21 de agosto distribuíronse 178.700 unidades de semente de bivalvos e outras 3.000 unidades de ourizo.

As entregas comezaron o día 21 coa distribución de 3.000 unidades de ourizo a ARESMAR e continuaron con 82.700 unidades de ameixa xaponesa para a Confraría de Vilaxoán e 81.000 unidades de ostra plana para a Confraría da Illa de Arousa. A estas súmanse as 15.000 unidades de ameixa babosa entregadas hoxe á Confraría da Coruña, coas que se completan as distribucións previstas para este mes.

Estas entregas súmanse ás realizadas este mes con 123.000 unidades de ameixa xaponesa distribuídas á Confraría de Barallobre e as 103.000 unidades de ostra plana entregadas a Arcade, polo que o volume total de semente de bivalvos distribuído polo CIMA ao longo deste mes ascende a 404.700 unidades.

O traballo do CIMA na produción e subministración de semente constitúe un apoio fundamental ás entidades sectoriais nos labores de recuperación e rexeneración das zonas produtivas, ao facilitar a incorporación de novos exemplares aos bancos e contribuír ao reforzo das poboacións de diferentes especies.

Deste xeito, a Consellería do Mar pon a disposición das confrarías semente de distintas especies en función das súas necesidades, nunha liña de traballo orientada a favorecer a recuperación dos recursos marisqueiros e garantir a sustentabilidade futura da actividade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/08/2026