A Xunta salienta o traballo das mariscadoras do Anllóns na recuperación dos bancos afectados polos temporais

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou a agrupación, coa que a Consellería do Mar mantén un convenio de máis de 60.000 euros para rexenerar 118.254 metros cadrados de zonas produtivas

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 26 de agosto de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe a Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns, onde mantivo un encontro coa súa presidenta, Inés García, e coas profesionais do colectivo para coñecer de primeira man a evolución dos seus bancos marisqueiros e dos traballos destinados á súa recuperación.

Durante a visita, a representante da Consellería do Mar puxo en valor o labor das mariscadoras na conservación e xestión sostible dos recursos e reiterou o compromiso da Xunta de acompañar ao sector na recuperación da capacidade produtiva das zonas afectadas polos temporais de comezos de ano.

Neste contexto, a Consellería mantén coa agrupación un convenio de colaboración cun orzamento de 60.254,80 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), para actuar sobre unha superficie de 118.254 metros cadrados das zonas produtivas da enseada e do esteiro do río Anllóns.

O acordo forma parte do plan extraordinario de continxencia impulsado polo Goberno galego ante a mortalidade de bivalvos provocada polas intensas borrascas e a conseguinte baixada da salinidade. Precisamente, a actividade extractiva tanto nas zonas de libre marisqueo como na autorización xestionadas pola agrupación permanece suspendida desde finais do mes de febreiro para favorecer a recuperación dos recursos.

Os traballos previstos inclúen a remoción manual e mecánica do substrato para favorecer a aireación do sedimento, a retirada de lixo mariño e macroalgas, a vixilancia das zonas produtivas e a colaboración en mostraxes de seguimento. Tamén se contemplan rareos e traslados de berberecho e ameixa xaponesa entre bancos, así como actuacións para reducir a presenza de depredadores como o cangrexo común.

A programación permite incorporar progresivamente entre cinco e once mariscadoras ás tarefas de rexeneración mediante quendas de catro horas, cunha compensación que pode alcanzar os 700 euros mensuais, proporcionando ao mesmo tempo unha alternativa económica ás profesionais mentres se recupera o potencial produtivo dos bancos.

Innovación e trazabilidade

Ángeles V. Suárez destacou tamén a capacidade da agrupación para avanzar na modernización da súa actividade. Neste sentido, o colectivo desenvolveu o proxecto Implantación do sistema de xestión, trazabilidade e procesado do berberecho do Anllóns, cun investimento de 55.094 euros e unha axuda pública de 51.997,72 euros, cofinanciada polo Fempa.

A iniciativa permitiu incorporar novo equipamento e ferramentas dixitais para mellorar a xestión, a trazabilidade e o procesado do produto, así como o seguimento ambiental do esteiro. Este proxecto foi seleccionado pola Red Española de Grupos de Pesca como exemplo de boas prácticas en desenvolvemento local participativo, recoñecendo a súa contribución á innovación, á sustentabilidade, á mellora das condicións de traballo das profesionais e á valorización do berberecho do Anllóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2026