Villaverde reforza o diálogo co sector miticultor cunha visita á cooperativa Socomgal en Moaña

A conselleira do Mar mantivo un encontro de traballo co xerente da entidade, Rosendo Queimaño, e percorreu as instalacións e o peirao de descarga

Durante a xuntanza abordouse o estado do proxecto de mellora no peirao mexilloeiro de Moaña

Moaña (Pontevedra), 25 de agosto de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou en Moaña a sede e as instalacións operativas da Sociedade Cooperativa Galega de Mexilloeiros de Galicia (Socomgal). Acompañada polo xerente da entidade, Rosendo Queimaño, a titular autonómica coñeceu de primeira man a súa actividade, ademais de desprazarse ao peirao para supervisar os puntos de descarga, os controis de calidade e a pesaxe do produto destinado tanto ao mercado fresco como á industria conserveira e do conxelado.

Durante o encontro con Socomgal, que agrupa a preto de 160 bateas cunha facturación superior aos seis millóns de euros, Villaverde destacou o papel estratéxico que ten a miticultura en Galicia. A conselleira puxo en valor a capacidade do sector para soster o emprego local, avogou por impulsar a remuda xeracional e por defender a calidade diferenciada deste produto.

Na reunión analizouse a evolución da campaña do mexillón, marcada pola recuperación progresiva dos volumes de produción acumulados neste 2026 e pola firmeza dos prezos medios de primeira venda acadados polo sector. Tamén para repasar os asuntos vencellados ao dominio público portuario e o seguimento das obras e proxectos previstos na zona. Neste eido, revisouse o estado dos traballos de rehabilitación e reforzo do peirao mexilloeiro de Moaña.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/08/2026