A Xunta inviste 190.000 € na renovación da cuberta da lonxa de Portocubelo, en Carnota
Marta Villaverde visitou as obras executadas por Portos de Galicia que permitiron recuperar a impermeabilidade do edificio
Carnota (A Coruña), 26 de agosto de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 190.000 euros na renovación da cuberta do edificio da lonxa de Portocubelo, no municipio coruñés de Carnota. Así o trasladou esta mañá a conselleira, Marta Villaverde, nunha visita ao edificio para comprobar os traballos executados.
Villaverde explicou que esta actuación permite garantir a estanquidade interior do inmoble e mellora o seu illamento. Esta solución técnica garante tamén unha ancoraxe específica para as placas solares das que dispón o edificio de modo que se mantén a súa actividade enerxética. Ademais, as obras mantiveron a imaxe orixinal do conxunto do edificio, de destacado valor arquitectónico.
Tal como se consensuara coa confraría de pescadores de Lira e o sector profesional que opera en Portocubelo, os traballos desenvolvéronse compatibilizando a obra co normal funcionamento da lonxa, de modo que non se viu interrompida a súa actividade. Ademais, a solución adoptada garante un mellor resultado e durabilidade en contornas mariñas de alta salinidade.
Con esta actuación, a Consellería do Mar mellora as condicións de traballo dos profesionais que operan na lonxa de Portocubelo e dá resposta a unha demanda da confraría de pescadores de Lira, cuxa lonxa amosou en 2025 unha destacada recuperación na súa facturación e actividade.